Medio Ambiente

A Confederación Hidrográfica investiga a vertedura da cidade deportiva do Celta tras a denuncia de Ecoloxistas en Acción

Protesta de Ecoloxistas en Acción diante da cidade deportiva do Celta.

O organismo dixo descoñecer esta vertedura e afirmou que carece de autorización.

Esta terza feira, representantes de Ecoloxistas en Acción, xunto con membros das traídas de auga veciñais afectadas e da Comunidade de Montes de Tameiga, que conforman a plataforma A auga é vida, reuníronse na sede da Confederación Hidrográfica Miño-Sil co presidente do organismo da bacía e co seu comisario de auga. Previamente á reunión, Ecoloxistas trasladoulle á Confederación os resultados da análise da vertedura procedente das instalacións deportivas do Celta, unha recollida de mostras e informe realizado por un laboratorio recoñecido polo Ministerio.

Os resultados da análise, salientan, reflicten que a citada vertedura "contén unha concentración de 3600 ufc/100 ml de coliformes totais" cando o máximo permitido é 100; contén 1700 ufc/100 ml de enterococos e tamén de estreptococos, cando o máximo permitido é 100, e tamén superan a concentración de coliformes fecais e Escherichia coli en varias magnitudes el máximo permitido, afirman.

Na reunión, a Confederación anunciou a apertura dun expediente para investigar a vertedura procedente da cidade deportiva do Celta. O organismo confirmou que descoñecía esta contaminación e que carece de autorización.

Ecoloxistas en Acción únese a plataforma A auga é vida na solicitude ao Concello de Mos para que se clausure de forma inmediata a vertedura contaminante procedente de Afouteza e que "está pondo en risco os manaciais das traídas de auga veciñais que están a poucos metros ladeira abaixo do foco de contaminación". A organización ecoloxista resta validez a "calquera analítica do vertido feita tras a denuncia pública, xa que o Celta, alertado, deixara de verter fecais polo emisario". 

As activistas fan un chamamento a manifestarse o sábado 1 de xuño diante da sede do Celta para exixir a o cegado do emisario de fecais da Afouteza. A organización ecoloxista, xunto coa plataforma A auga é vida, convocan esta concentración "ante as graves consecuencias que pode carrexar a continuidade desta veredura ilegal, xa que, de alcanzar a contaminación as captación das traídas, estes pozos terían que ser clausurados, o que afectaría miles de fogares en Mos".