Mobilidade

As viaxeiras de bus urbano aumentan 12% na Galiza en xaneiro e achéganse aos cinco millóns

Evolución das viaxeiras e viaxeiros en autobús na Galiza.
A repunta na Galiza é até seis puntos inferior á que se rexistra no conxunto do Estado.

Galiza rexistrou 4,9 millóns de viaxeiros e viaxeiras de autobús urbano en xaneiro, o que representa un 11,9% máis que no mesmo mes de 2023, segundo os datos que publica o Instituto Nacional de Estatística (INE) esta segunda feira. Este incremento, porén, é o segundo menor entre comunidades, só por riba de Euskadi (7,6%).

A media galega está por baixo do 18,4% de avance no conxunto do Estado español. Nun mes de aumentos interanuais xeneralizados, Murcia lidera a suba (41,4%), seguida de Canarias (27,1%), Estremadura (25,8%) e Castela-A Mancha (22,2%).

Con todo, Galiza fica ao bordo do limiar dos 5 millóns de pasaxeiros e pasaxeiras, cifra que ao longo do pasado ano superou nos meses de marzo, maio, xuño, setembro, outubro e novembro. En xaneiro de 2023 o país atinxiu as 4,42 millóns de viaxeiras.

 

Medra o tren

Pola súa parte, a liberalización do transporte ferroviario impulsou o número de viaxes por tren en todo o Estado español, sobre todo a través da alta velocidade, que aumentou un 26,5% o número dos seus viaxeiros no mes de xaneiro, roldando os 2,6 millóns de pasaxeiros.

Máis de 444,1 millóns de pasaxeiros utilizaron o transporte público durante o primeiro mes de ano no Estado, un 13,6% máis que no mesmo mes do ano 2023, segundo datos do instituto estatístico español, que destaca especialmente o importante incremento rexistrado nos movementos por ferrocarril.