VÍDEO | Multitudinaria manifestación en Moaña en defensa dunha sanidade de calidade

Manifestación en defensa da sanidade, este domingo en Moaña (Foto: Nós Diario).
Este domingo decorreu unha multitudinaria manifestación en Moaña pola volta das urxencias, contra o fechamento do centro de saúde polas tardes, a prol da cobertura das vacantes médicas e polo reforzo das ambulancias no Morrazo.

Este domingo decorreu unha multitudinaria manifestación en Moaña pola volta das urxencias, contra o fechamento do centro de saúde polas tardes, a prol da cobertura das vacantes médicas e polo reforzo das ambulancias no Morrazo. Con saída ás 11 horas, centos de persoas vestidas de branco percorreron as rúas da localidade en defensa dunha sanidade de calidade.

Ao remate da manifestación, organizada pola Mesa Local da Sanidade do Morrazo, tivo lugar a lectura do manifesto. “Na última década, coa escusa da crise, a Xunta da Galiza, aplicou duras políticas de recortes e fixo modificacións lexislativas e organizativas que danaron gravemente a Sanidade Pública da Galiza”, comeza o texto.

 

 

“Todas as medidas que tomaron tiveron como fin a privatización e o desmantelamento da sanidade pública galega, a base de recortes continuos e de pór os recursos desta ao servizo de intereses privados para poder facer negocio coa enfermidade das persoas”, continúa o manifesto.

“Redución de orzamentos, de centos de profesionais, de camas hospitalarias, privatizacións e externalización de servizos esenciais, derivacións de doentes a centros privados, listas de agarda disparadas, colapsos de urxencias, desatención clamorosa da saúde mental e das mulleres”, denuncia a mesa local.

“A Atención Primaria foi o ámbito da sanidade pública galega que con máis intensidade sufriu os recortes, as consecuencias están a ser tremendas: masificación de consultas, cupos desbordados, redución de profesionais, falta de substitucións, listas de espera de máis de 15 días para medicina de familia, feche de axendas, saturacións, ausencia de pediatras, PAC ao límite”, prosegue o documento lido.

“Con esta situación de partida, a chegada da pandemia Covid-19 foi a coartada perfecta para que a Consellaría de Sanidade levara a cabo medidas organizativas provisionais nos centros de atención primaria que teñen visos de acabar en medidas definitivas”, salienta.

“Entre esas medidas estivo o traslado das urxencias de Moaña a Cangas. A veciñanza puido entender que, ante a gravidade dos efectos da pandemia, se puidese centralizar a atención de doentes con síntomas compatíbeis coa enfermidade provocada polo coronavirus en centros de saúde concretos”, engade.

140 semanas de mobilizacións

“O que non xa non se pode comprender é que nestes momentos nos que se ten superada a pandemia, en Moaña sigamos sen urxencias, cando o propio Plan Funcional do Sergas recoñece que temos un PAC, por iso hoxe levamos 140 semanas consecutivas de mobilizacións nas que reclamamos a súa volta”, lembra o manifesto.

“Manter o noso PAC en Cangas, tamén fai incrementar o tempo de traslados das ambulancias nas emerxencias, por iso desde a Mesa Local da Sanidade solicitamos un reforzo para aumentar a capacidade de resposta, mais a Consellaría de Sanidade segue sen atendela”, explica o texto.

“Ademais de todo isto, desde outubro de 2021,onde tiña que haber 5 médicos de tarde, temos só 3, sumado á falta de cobertura de permisos e baixas, leva a que a Casa do Mar está sen médicos de tarde durante este mes e mesmo moitos días do ano queda só 1 médico, obrigando a desviar consultas ao PAC, co que iso implica, saturación”, relata a mesa local.

“Preocúpanos que non haxa data para cubrir estas vacantes e que desde o Sergas vexan normal que non haxa médicos nun centro de saúde que atende a case 20.000 habitantes. Hai que engadir, que hai períodos nos que non se substitúen ás pediatras, obrigando ás familias a desprazarse ás urxencias hospitalarias ou a acudir á sanidade privada, algo totalmente innadmisíbel, ademais de ter que soportar elevadas listaxes de agarda para unha cita”, explica.

“A permanencia destas medidas ilóxicas por parte da Xunta da Galiza só perseguen un obxectivo: continuar co desmantelamento da rede pública sanitaria, potenciando o transvase de doentes cara ás redes privadas. Como pobo comprometido coa defensa dos servizos públicos, non podemos permitir que se destrúa un ben tan prezado como é a nosa Sanidade Pública”, acrecenta o manifesto.

Concentración ante a Consellaría de Sanidade

Por todos estes motivo, a Mesa Local da Sanidade de Moaña anunciou unha concentración o 19 de setembro ante da Consellaría de Sanidade. “Para exixir da Xunta da Galiza, nomeadamente da Consellaría de Sanidade, a restitución inmediata das urxencias na Casa do Mar de Moaña. Para solicitar da Consellaría de Sanidade a cobertura das vacantes na quenda de tarde e a substitución do persoal sanitario cando se concedan permisos ou vacacións, rexeitando que a Casa do Mar quede sen profesionais polas tardes. E por último, exiximos que reforcen as ambulancias para o Morrazo”, culminou o manifesto tras a multitudinaria manifestación.