As vítimas do Alvia, "satisfeitas" coa condena a Cortabitarte: "Desmóntase a verdade oficial"

Jesús Domínguez, portavoz das vítimas do accidente de Angrois en 2013 (Foto: José González).
Cren que a Avogacía do Estado debería "pedir perdón" e "non recorrer".

As vítimas do accidente do Alvia 04155, que ocorreu o 24 de xullo de 2013 en Santiago de Compostela e deixou 80 persoas mortas e 144 feridas, mostráronse "satisfeitas" coa sentenza que, ademais de ao maquinista, condena ao que foi director de Seguridade na Circulación de Adif, Andrés Cortabitarte.

"Desmóntase a verdade oficial que nos querían vender: que o maquinista era o único responsábel. Aquí había moitas neglixencias por parte de Adif, que foi quen asinou o cambio de proxecto que rebaixou a seguridade e a desconexión dun sistema de seguridade que evitase o accidente porque xeraba uns atrasos", declarou o presidente da da Asociación Plataforma Vítimas Alvia 04155, Jesús Domínguez.

Tras 11 anos de loita na que Europa "lles daba a razón" agradeceu á xuíza María Elena Fernández Currás que fose "independente e valente" á hora de ditar sentenza. Todo iso, cando esta sexta feira coñeceuse a resolución do Xulgado do Penal número 2 de Santiago de Compostela que condenou a dous anos e seis meses de cárcere a Francisco Garzón, o maquinista do tren e a Andrés Cortabitarte, ex director de Seguridade de Adif por 79 delitos de homicidio e 143 delitos de lesións por imprudencia grave.

Neste sentido, Domínguez incidiu en que as vítimas "sempre dixeron" que había máis responsabilidade que a de Adif, mesmo en Renfe, e lembrou que dez altos cargos recibiron un aviso por escrito dun xefe de maquinistas no que advertía do perigo e "non estiveron sentados no banco".

Defenden, así mesmo, que había "máis responsabilidade neles que no maquinista" xa que Garzón "tivo un descoido". "É unha cuestión de segundos, hai xente no seu despacho que recibe unha alerta e non fai absolutamente nada", criticou.

"Neste caso Cortabitarte tivo dúas oportunidades", continuou. A primeira delas, cando se cambiou o proxecto, rebaixouse " a seguridade" e os peritos deberían facer unha análise de riscos "e non se fixo, mesmo Renfe lle dixo que puxese balizas".

A vida "deulle unha segunda oportunidade" e cando lle pediron desconectar o sistema de seguridade Ertms (European Rail Traffic Management System) -que alertaba ao maquinista onde tiña que frear e senón o tren non se detiña automaticamente- "da súa propia man, asinou a desconexión". "Para nós esas dúas accións son máis puníbeis que o descoido do maquinista", asegurou.

"A Avogacía do Estado debería pedir perdón"

Ante un posíbel recurso por parte da defensa de Cortabitarte, Jesús Domínguez, foi claro e considerou que a Avogacía do Estado o que tería que facer agora é "pedir perdón por todas esas mentiras que dixeron durante anos" e non recorrer para "non xerar aínda máis dor á vítimas". "Esperamos pouco das institucións españolas, tivemos que ir fóra para buscar xustiza, verdade e tocaranos, se cadra, volver facelo no futuro", recalcou.

As vítimas tamén cargaron contra o fiscal Mario Piñeiro, que retirou a acusación contra Adif, a quen recomendaron que, "se lle queda algo de humanidade e vergoña, no canto de irse ao Supremo se vaia á súa casa". Todo iso, despois de que as vítimas do accidente censurasen que o fiscal xeral do Estado, Álvaro García Ortiz, "premiase" ao fiscal do caso Alvia, Mario Piñeiro, cun posto no Tribunal Supremo por retirar durante o xuízo a acusación contra Adif, a pesar de que previamente pedía catro anos para Andrés Cortabitarte.