Xa temos o nº 25 de Sermos Galiza!

Neste número o tema central son as mudanzas de pautas no consumo. As marcas brancas son o aforro real? Tratamos, ademais, as primeiras propostas da lexislatura que entran no rexistro do Parlamento e entrevistamos a Miren Etxezarreta, economista, sobre cal sería a solución de verdade para a crise.

 

As pautas de consumo centran a portada e as primeiras páxinas deste número de Sermos Galiza. Entrevistamos á economista Miren Etxezarreta e falamos, na crónica política, sobre os bipartitos municipais após o acontecido en Lugo. Tratamos os doce meses da nova lexislatura de Rajoy: Medidas contra as maiorías, recortes, incumprimentos,... Ocupámonos do preocupante descenso da renda salarial d@s traballador@s: máis dun 5% este ano e das irregularidades nun 86% das casas de compravenda de ouro e empeño de metais.

Entrevistamos a Luz Fandiño, 81 anos de compromiso rebelde, e lembramos que o domingo é o Día Internacional contra a Violencia Machista a través de dous exemplos dun problema político que o PP borrará do Código Penal. En economía falamos da fuga de capitais de Novagalicia Banco que pode condicionar a súa viabilidade futura. En internacional tratamos a situación en Gaza e as eleccións en Catalunya onde o 25 N é posibel unha maioría de partidos políticos a prol da independencia. En deportes lembramos a historia de Siareir@s Galeg@s e o seu esforzo para que as seleccións galegas xoguen partidos internacionais.

En cultura falamos do Culturgal máis expansivo nos tempos máis duros para as industrias culturais e entrevistamos ao debuxante Miguelanxo Prado para que nos fale de Ardalén, a súa nova novela gráfica.

Viaxamos ás Terras de Lemos para visitar o senlleiro Pazo de Tor e o seu singular labirinto e na sección de deseño descubrimos Boüret, a roupa artesana que é algo máis que luxo desde A Coruña a Burgos.

Okapi baila e canta con Mamá Cabra e o seu novo disco 'Bicos de Música' e na contra entrevistamos a Yolanda Castaño, 18 despois da publicación do seu primeiro libro, para que nos fale da poesía.

Ademais críticas de cinema, música, literatura, ... e a opinión de Julio C. Gambina, María Xosé C. Trillo, Carlos Quiroga, Elena Gallego, Mª Xosé Castro e Victorino Pérez Prieto.