Xunta de Accionistas de Sermos Galiza S.A.

Xoán Costa, ante a Xunta de Accionistas: "A existencia de 'Nós Diario' alterou o monopolio informativo oficial"

Integrantes do Consello de Administración de Sermos Galiza S. A., onte. De adiante para atrás, e de esquerda a dereita: Xoán Costa, Ana Rodiño, Xurxo Souto, Marga do Val, Xan Colazo, Sira Vidal, Nicolasa Castro, Roberto Vilameá, Nemésio Barxa e Xosé Gontá. (Foto: Arxina)
'Nós Diario' encarreira o seu cuarto ano de vida co reto de "seguir traballando para consolidar un proxecto xornalístico centrado no país". Neste sentido, a Xunta Xeral de Accionistas da compañía reunida esta sexta feira acordou incrementar o seu número de subscricións.

Sermos Galiza S.A., a empresa editora de Nós Diario, reuniu esta quinta feira a súa Xunta Xeral de Accionistas para aprobar o informe de xestión e as contas do pasado exercicio, elixir o novo Consello de Administración e marcar as grandes liñas de actuación para o período 2023/2025. A reunión aprobou a entrada no organismo de dirección da sociedade de Xosé Gontá e Ana Paz e ratificou como presidente e conselleiro delegado da compañía a Xoán Costa.

As razóns de ser do xornal

Costa explicou diante das e dos accionistas que “a existencia de Nós Diario alterou o monopolio informativo oficial” e reclamou “seguir traballando para consolidar un proxecto xornalístico centrado no país”. Neste sentido, incidiu na razón de ser do medio, explicitou os seus compromisos fundacionais e reiterou a súa intención de fornecer unha información alternativa, sen máis peneira que a veracidade e o rigor.

O presidente de Sermos Galiza S.A. afirmou que “a nosa xunta de accionistas cadra nesta ocasión co 40 aniversario da entrada en vigor da Lei de Normalización Lingüística e podedes ter como segura a nosa aposta polo idioma así como o noso compromiso de analizar a realidade e crear contidos pondo a Galiza como centro, co obxectivo de crear unha conciencia galega na nosa sociedade”. Nesta liña, avanzou novas propostas para camiñar nesa dirección.

O máximo responsábel da empresa editora de Nós Diario insistiu que “unha das nosas finalidades é seguir apostando pola lingua”. Nesta dirección, destacou que “somos capaces de ver o mundo no noso idioma e seguimos a ser hoxe, infelizmente, o único medio en papel en lingua galega de carácter diario”. Ao tempo, adiantou a decisión de empresa de “impulsar a edición dixital para chegar a máis xente”.

Costa ligou a decisión da Xunta da Galiza de excluír Nós Diario das súas liñas de publicidade institucional e dos contratos publicitarios ao “obxectivo de invalidar o noso proxecto polo tipo de xornalismo que practicamos, polo modelo de xornalismo que facemos e pola liña editorial que mantemos”. Precisamente, a Xunta Xeral de Accionistas do xornal decorreu só unha semana despois de que o Goberno galego acordara deixar fóra da publicidade do evento musical O Son do Camiño aos diversos formatos deste medio.

Resultados do exercicio 2022.

Os vetos da Xunta

O Consello de Administración de Sermos Galiza S.A. xa procedeu a recorrer este contrato publicitario impulsado pola Axencia de Turismo da Galiza, órgano dependente da Xunta e presidido —até esta quinta feira— pola candidata do Partido Popular á Alcaldía de Ponteareas, Nava Castro. A este respecto, os servizos xurídicos da empresa entenden que a decisión do Goberno galego de excluír Nós Diario incumpre a legalidade, contradicindo a propia xurisprudencia do Tribunal Constitucional, que nun caso análogo en Castelló fallou contra a Administración.

Os dereitos de Nós Diario

O presidente de Sermos Galiza S.A. indicou que a publicidade institucional representa unha porcentaxe moi reducida dos ingresos de Nós Diario. Neste sentido, Costa afirmou que “as accións legais contra a negativa da Xunta da Galiza de achegar ao xornal a parte da publicidade que legalmente lle corresponda responde ao interese en facer fincapé no dereito que temos a un tratamento igual que outros medios, en función do número de lectoras e lectores e audiencia coa que contamos”.

A forza das subscricións

As subscricións e as vendas ao número en quiosco son as principais vías de financiamento de Nós Diario. Nesta liña, a xunta de accionistas da súa empresa matriz aprobou un plano de traballo dirixido a incrementar o número de asinantes particulares e de negocios consumidores habituais de prensa escrita, con especial atención ao ámbito da hostalaría. Costa avanzou “unha campaña de subscricións coincidindo coa saída do número 1.000 do diario, previsto para o mes de novembro, co obxectivo de consolidar o proxecto na perspectiva de afrontar os retos futuros con máis solvencia”. Porén, desvelou que “o xornal mantense por riba dos 3.000 asinantes, a cifra mínima que nos marcamos desde o primeiro momento para garantir a viabilidade do medio”.

A saída do número 1.000 vai traer, tamén, cambios na publicación e novos proxectos editoriais. A este respecto, o presidente de Sermos Galiza S.A. explicou a “decisión de introducir melloras no diario, unha parte delas procedentes das suxestións e propostas que nos achegaron persoas de diferentes ámbitos da sociedade nun proceso de escoita desenvolvido a finais do ano pasado”. Nesta liña, apuntou que “algunhas delas, como ampliar a sección de análises e de opinión xa foron implementadas pero fican outras para pór en marcha”.

Os castelos galegos

Nós Diario prepara o lanzamento dun coleccionábel sobre os castelos galegos para publicar no mes de outubro. O traballo recollerá a historia, a arquitectura, os atractivos e os aspectos relevantes de 30 fortalezas distribuídas por toda Galiza e nel contarase cos mellores especialistas en cada edificación, coordinados por Héitor Picallo. Costa entende que “este material servirá, tamén, como guía de viaxe para as viaxeiras e os viaxeiros interesados en coñecer este mundo”.


Unhas contas con equilibrio financeiro e sen dependencias

AXunta Xeral de Accionistas aprobou por unanimidade as contas correspondentes ao exercicio económico fechado a 31 de decembro de 2022 que ofrecen un resultado equilibrado de gastos e ingresos, cun saldo positivo -despois de impostos- de 933,12 euros. A forma xurídica da empresa, unha Sociedade Anónima, implica que as contas sexan de acceso público ao ficar depositadas no Rexistro Mercantil unha vez aprobadas.

O Conselleiro delegado e presidente de Sermos Galiza S.A., Xoán Costa, fixo fincapé na necesidade de manter as subscricións -no formato en papel ou dixital- para consolidar a independencia económica do proxecto empresarial e xornalístico, sen dependencia de ningún banco nin accionista determinante. Resaltou que o incremento dos custos de produción afrontouse coa busca de máis publicidade e tamén traballando na calidade do medio para gozar do apoio dos subscritores e das subscritoras para que renoven a confianza no proxecto.

Xoán Costa resaltou, como mostra da capacidade de independencia económica da empresa, que as subvencións -da Xunta da Galiza- representan o 2,77% do total dos ingresos do medio en 2022.