1.000 'Nós Diario'

Xoán Costa e María Obelleiro: "Nos actos do número 1.000 pedíronnos que 'Nós Diario' saia os 7 días da semana"

Xoán Costa e María Obelleiro, presidente de Sermos Galiza S.A. e directora de 'Nós Diario', na redacción do xornal. (Foto: Xan Carballa).
Xoán Costa (Oroso, 1956) e María Obelleiro (Soutomaior, 1985) fan balance da intensa campaña de varias semanas de socialización do medio de comunicación entre as persoas accionistas, subscritoras e lectoras na procura de sumar 1.000 novas e novos asinantes que dean estabilidade e proxección ao único diario en papel en galego que se publica no país.

—Van 12 anos desde o nacemento de Sermos Galiza como semanario e diario dixital, Nós Diario, a piques de facer catro anos tanto en papel como en dixital, pasa xa dos 1.000 números e están á procura de 1.000 novos asinantes.
Xoán Costa: Hai 12 anos pensamos en estarmos nos quioscos cun semanario en papel e un diario dixital como única posibilidade, cun formato amplo de empresa de moitos pequenos accionistas e saímos co apoio decisivo dun número importante de subscricións. As necesidades para un diario son ben diferentes, pero daquela púxose a semente porque desde o principio falabamos de construír un espazo galego de comunicación, e chegado o quinto ano comezamos o camiño do diario, en 2017.

—En 2012 xa estaba no debate a crise dos medios en papel impreso, pero a aposta fixérona igualmente dobre (papel e dixital). Ten que ver só co xornalismo ou tamén coa necesidade dun vehículo de publicidade máis doado?
X. C.: Fálase sempre desa crise do papel, pero é indubidábel que segue sendo un vehículo tanto para a prensa como para os libros. Os estudos máis recentes non falan dunha baixada tan alarmante dos lectores en papel. Recuperouse o uso das bibliotecas e a venda de libros e prensa aos niveis anteriores á crise. Por iso, nós cando pensamos nun diario en papel para competir nese espazo, falabamos de “diario en papel para un dixital máis forte”, porque se complementan. Saír cinco días á semana tivo que ver con posibilidades económicas, e tamén con modelos que tiñamos de referentes como o i portugués. Tamén tivemos na cabeza outras posibilidades e como Sermos Galiza S.A. participamos na última poxa de concesións de novas frecuencias de radio e temos ensaiado os formatos podcast ou vídeo, no que se entende como diario multisoporte. 

—Pero tamén están os diferentes modos de xornalismo nun soporte ou noutro.
María Obelleiro: Son linguaxes distintas, pero o papel conserva aínda unha credibilidade que non alcanzou plenamente o soporte dixital. Guste máis ou non, hoxe aínda ten máis poder o que se publica no papel, xa inamovíbel, que a continua posibilidade de modificación do dixital. 

—O prestixio capitalízao unha cabeceira consolidada e obtense con bo xornalismo. Para mellor información, máis empresa e máis xornalistas?
M. O.: Nos máis de vinte encontros que tivemos estas semanas, o que máis se nos pediu foi que fixésemos un esforzo para saír os sete días da semana e iso enorgullécenos, porque significa que o medio xa creou o hábito e a necesidade de lernos todos os días. Mais poder facelo significa contar con máis recursos económicos para contratar máis xornalistas e para iso precisamos máis subscricións. As 1.000 novas subscricións que procuramos agora son para consolidar o que temos, porque outros avances terán que chegar máis devagar. Débese saber que foron anos cun grande aumento de custos de produción. Un dato: só o aumento do prezo da tonelada de papel nun ano suponnos 30.000 euros a maiores, é dicir, aproximadamente o salario dunha xornalista.

—Á parte do desexo de máis e mellor, a xente ten conciencia do que custa facer información? 
X. C.: Non. A xente centrouse en pedirnos máis días aínda coas mesmas páxinas ou mesmo con menos, pero tamén se podería suxerir igual periodicidade e máis contido por número. Creo que é por un hábito instalado de que diario só é publicándose todos os días.

—Pero tamén gustan de ler historias e noticias máis elaboradas e extensas.
M. O.: Que están presentes no Sermos Galiza, pero tamén no Nós Diario. Valoran moito que noticias coas que achegamos contexto, información que podes ler no día pero que non perde vixencia unha semana despois. É importante mesturar ben dúas vertentes: información de actualidade con crónica, reportaxe, opinión... e as análises de persoas expertas, que están moi ben valoradas.

—A periodicidade foi unha das desculpas da Xunta da Galiza para discriminar a Nós Diario nas axudas públicas.  
X. C.: É unha discriminación que aínda se volveu repetir agora coa publicidade de O son do Camiño, desta volta deixándonos fóra alegando que non estabamos inscritos no Estudo Xeral de Medios, o que é falso. E tamén nos discriminan nas axudas xerais a medios, nas que o Goberno galego ten unha idea persistente de deixarnos fóra con diversos argumentos, o máis zafio, o de considerar que diario só é aquel medio que sae todos os días do ano, contradicindo o que di a Oficina de Xustificación da Difusión, que o criterio que valida é que diario é todo medio que se publica catro ou máis días á semana.

—Xa no tempo que existían as “Follas de Luns” a ninguén se lle ocorría que non se publicaban diarios cando todos eles só se editaban de terzas a domingo. 
X. C.: Por Europa adiante, e cando se trata de linguas minorizadas, até con tres días á semana de saída se consideran diarios e poden recibir axudas. E aínda o lembrei hai uns días: A Gaceta de Londres, o diario oficial do Reino Unido que se publica desde hai 200 anos, sae cinco días á semana.

—Os medios máis alternativos buscan sinerxías entre si a efectos informativos. A maiores das tribunas que compartiron con Vicent Partal (Vilaweb), Martxelo Otamendi (Berria), hai máis posibilidades abertas?
M. O.: Nós compartimos con eles informacións, pero son realidades diferentes á hora de traballar. Berria ou Vilaweb multiplican por cinco e por tres, respectivamente, o número de xornalistas de Nós Diario. Pero ademais de sermos tres países distintos eles contan con Gobernos que, lonxe de pórlles atrancos e discriminalos, axúdaos. A Xunta da Galiza, do punto de vista xornalístico, creou un sistema de medios que sostén a súa viabilidade nas subvencións públicas, e polo tanto é moi dependente e clientelar. Todo xornalismo crítico, todo medio de comunicación que vai en contra do partido que hoxe goberna, tratan de machucalo. 

X. C.: Nas salas de lectura de prensa das bibliotecas ou nos centros educativos e centros sociais é máis variado o criterio, porque as decisións son máis autónomas. Nas bibliotecas dependentes dos concellos ou das deputación temos unha presenza máis estábel. Nas da Xunta ou do Estado se hai demanda dos lectores tamén estamos presentes. E estamos nun 60% dos centros de ensino medio. Pero, en todo caso, as grandes axudas nas que somos discriminados son as importantes, millonarias, tanto as que se coñecen como as que son opacas, en base a convenios.

—Cando arrincaron procuraron visibilizar apoios dun espectro social e ideolóxico moi amplo, pero moitas veces o público dos medios é crítico coa pluralidade de opinións que non lle son afíns, percíbeno nas persoas asiduas a 'Nós Diario'?
M. O.: Hai que educar en xornalismo. Que os medios baseen moito o seu soporte nas subvencións públicas produciu un xornalismo cómodo para o poder, con presenza residual de voces disidentes. O xornalismo ten que ser crítico. E como lectora e lector, cando les, non podes estar buscando só a confirmación das túas ideas, tes que ver pluralidade, e ese é o noso norte. Temos recibido críticas de lectores que se queixan de que apareza esta ou aquela firma nas páxinas de Nós Diario, mais eu, como directora, practico a liña que marcou a editora de “defensa dos intereses galegos” e aí o abano de ideoloxías é moi amplo. Por iso afirmo que somos o medio máis plural do país. Só o feito de que teñamos máis de 80 analistas diversos que escriben cada mes nas nosas páxinas ou a multiplicidade e confrontación de opinións nos debates semanais son testemuña do que digo.

—Historicamente, parte da industria cultural galega sostívose na existencia de medios propios, que atraían, informaban e fidelizaban os seus públicos. A publicidade no medio é un termómetro, pero teñen esas empresas culturais conciencia real do papel de medios como 'Nós Diario'?
X. C.: As industrias do mundo editorial teñen claro que somos idóneos para chegar aos seus lectores e sempre percibimos o seu apoio. Outras teñen máis dúbidas quizais porque o seu xeito de distribución (penso na música ou no audiovisual) é moi diferente ao vencellado ao papel, e ao mellor pensan que podemos ser útiles pero non imprescindíbeis.

—O histórico panorama cativo do medios de comunicación en galego reclamou moitas veces asumir máis papeis dos que ás veces podían abarcar, materiais para nenos, humor, editorial,... Lanzaron agora unha publicación de pasatempos, con que resposta?
X. C.: Temos unha pequena experiencia editorial, ligada en particular á memoria histórica. Convertemos en libros algúns dos coleccionábeis que fixemos. Pero non é nosa actividade principal. No caso dos pasatempos, detectamos un campo sen cultivar e que resultou necesario, como proba que a publicación A formiga no carreiro entrase ben no novo modelo de pasatempos, nos que se buscan historias e non só facer sudokus, e comprobamos que teñen aceptación práctica, por exemplo, en residencias de maiores nas que o exercicio da memoria é importante. O primeiro número esgotou case 3.000 exemplares e o segundo está agora nos quioscos.

—Estes actos que viñeron facendo por Galiza adiante durante varias semanas buscaban aumentar o activismo da base social que apoia o medio. Cal é o balance que fan? 
M. O.: A experiencia demostrounos que este tipo de actos son moi necesarios e que temos que repetilos periodicamente. Vimos que nolo demandaban e resultaron un estímulo para facer máis. Nós contribuímos a que coñecesen mellor a realidade do sistema de medios de comunicación e como nese campo xogamos en inferioridade. Serviu tamén para que aflorase o esforzo grande que facemos cunha redacción tan reducida, algo que sorprendía moito a xente, pois pensaban que eramos moitos máis. Expliqueino polo miúdo. Nós Diario ten unha redacción máis pequena que, por exemplo, delegacións en Santiago doutros medios que fan oito páxinas por día para a súa edición local. Nós, con menos persoas, editamos 32 páxinas ao día, máis o dixital e o Sermos Galiza. A xente entendeu mellor o esforzo que supón facer este xornalismo e achegou moitas ideas que trataremos de pór en marcha.

—O lector tipo de prensa pénsase a partir dunha determinada idade (poñamos de 40 anos en diante), aspiran a chegar a públicos máis novos? 
M. O.: Dicíao nos actos, gustaríame anunciar que imos meternos en novas propostas, por exemplo podcasts ou que imos afondar no audiovisual, pero serían promesas que, cos medios actuais, non son realistas. A nosa confianza é avanzar devagar en base a consolidar o que temos. Somos unha proposta moi nova e temos que darnos tempo. Pensa que a meirande parte de diarios en papel son centenarios. Pouco a pouco, poderemos ir a máis, e dirixirnos a outros espectros, pero é un traballo de anos. Nos actos pedíannos tamén estar máis metidos nas redes sociais, pero nós estamos a facer xornalismo e sostémonos nas subscricións das persoas que basicamente queren lernos en papel ou na réplica dixital na nube. Na edición dixital é por onde podermos aumentar a diversidade de propostas que pode reclamar un público máis novo.

X. C.: Non temos un problema de ideas canto de medios para sacalas adiante. Os actos de agora son continuación doutros que fixemos en 2019, e antes e agora serviron para reafirmar a autoestima dos nosos lectores e lectoras. Cando lle contamos o que facemos, o que hai por diante e por detrás no día a día, a xente sente que forma parte dun proxecto colectivo. Como di María, é importante pór rostros ás mulleres e homes que nos apoian e len, e que eles tamén nos coñezan a nós. A proximidade e o diálogo é algo que non imos abandonar en ningún caso, e debemos teimar, porque este é un traballo de anos.