Festa do V aniversario de Sermos

Xoán Costa: "Nestes cinco anos tivemos como único norte sermos un meio de intereses galegos"

Xoán Costa

Reproducimos a seguir a intervención de Xoán Costa, presidente do Consello de Administración da empresa, na festa de celebración do V aniversario de Sermos.

Amigas, amigos, en nome do Consello de Administración de Sermos Galiza, moi boa tarde

Quero comezar propóndolles unha viaxe, no tempo e no espazo. Veñan comigo á Coruña. Cinco anos atrás. É sexta feira 8 de xuño de 2012. Ese día sae á rúa o número 1 do semanario Sermos Galiza. Antes, 26 de abril, o número 1 do diario dixital.

Permitide que vos sitúe nun quiosque da Coruña, ás 8 horas. Nunha pequena mesa situada no exterior, hai un pacote con 5 exemplares de Sermos e, ao lado, outro con 3 exemplares de Le Monde Diplomatique. Collín o Sermos e, ao ir pagar, o quiosqueiro fíxome 2 perguntas.

-Quen está detrás disto?, inquiriu

A cuestión era fácil e foi case mecanicamente que lle respondín. E non é preciso que a diga aquí, a resposta, pois está na cabeza de todas e todos: detrás está a necesidade de restituír o galego nos quiosques, ausente na altura.

E chegou, afiada, asubiando co vento do Orzán, a segunda das cuestións. E esta xa non foi tan fácil de responder. Especialmente vendo o aspecto do local: feixes de periódicos para devolver. Libros e discos que acompañaban.

Na altura os informes de venda de prensa eran demoledores. Algúns periódicos baixaran até un 30 por cento as vendas e acudían a todo tipo de estrataxema para se manter. Mesmo a vender facas para cortar presunto!

Na altura os informes de venda de prensa eran demoledores. Algúns periódicos baixaran até un 30 por cento as vendas

Mais o home do quiosque agardaba resposta á segunda cuestión antes de me dar a volta do billete de 5 euros con que pagara o exemplar de Sermos. Non só quería saber quen estaba detrás, quería saber algo que eu dificilmente podería responder:

-Canto vai durar?- espetou.

Confeso que non puiden dar resposta. Desculpeime dicindo que chegaba tarde á clase e que xa falaríamos outro día, ao fin e ao cabo eu era cliente do quiosque e xa non era a primeira vez que tiñamos mantido conversas na beirarrúa sobre temas de actualidade.

Nunca puiden darlle unha resposta a aquel home. Ao pouco o quiosque fechou. Mais se tiver ocasión a resposta sería o lema deste 5 aniversario: veñan máis 5.

Sermos Galiza fai cinco anos. Neste período adaptamos o deseño gráfico, houbo altas e baixas no cadro de persoal, no Consello de Administración... Só unha cousa non mudou: o noso compromiso a prol dun espazo de comunicación galego entendendo por tal aquel que coloca o galego como única lingua de comunicación e Galiza como miradouro desde o cal ollar o proprio país e tamén o mundo. Ese compromiso, en galego e con Galiza, que animou a creación de Sermos Galiza como un proxecto de comunicación posíbel grazas, primeiro, ás aportacións de entidades e persoas que conformaron o capital social e despois ás traballadoras e traballadores, colaboradoras, colaboradores, de todo tipo e que non perciben ningunha compensación económica a cambio, anunciantes, persoas que fan doazóns, a todas aquelas persoas e entidades que constitúen o que chamamos Comunidade Sermos.

Só unha cousa non mudou: o noso compromiso a prol dun espazo de comunicación galego entendendo por tal aquel que coloca o galego como única lingua de comunicación e Galiza como miradouro 

Algunhas desas persoas xa non están con nós, mais seguen entre nós. Quero concentrar nunha soa, en Francisco Carballo, a lembranza de todas elas.

O Sermos de 2017 é resultado da aplicación das decisións da xunta de accionistas de 2016. Un Sermos que contempla de maneira diferente, e con ritmos diferentes, o diario dixital, o produto que máis visibiliza a empresa e polo tanto o submetido a máis visións críticas, e o semanario, hoxe mesmo suporte económico imprescindíbel.

Intentamos en todo o momento adaptar ambas plataformas ao lema común: de intereses galegos. Obviamente a forma de se aproximar a eses intereses é diferente nun e noutro soporte, nun o noutro medio.

Fixemos mudanzas no aspecto, creamos un consello asesor, editamos libros en exclusiva para os nosos asinantes, reestruturamos o sistema de distribución e venda, introducimos información de carácter máis local en torno ás sete cidades máis poboadas, local mais de interese nacional, porque Sermos non contempla unha Galiza parcelada.

Como é lóxico, houbo mudanzas que non a todos gostaron, como a dobre capa do semanario, por exemplo; hai demandas das lectoras e dos lectores que aínda non podemos atender por carecermos dos recursos necesarios e porque temos claro que o prioritario é consolidar Sermos.

Temos claro que o prioritario é consolidar Sermos

Tamén hai críticas que se nos fan que, entendo eu, obedecen máis a tópicos do que a realidades. Poño por exemplo as palabras de quen pide un “sermos máis plural” Creo que os máis de 4500 artigos de opinión publicados, unha media anual de 900, asinados por case 300 persoas diferentes, algunhas aquí presentes, e só tomo de exemplo o diario dixital por non ter que contar eu o que aparece no papel, pode non ser suficiente mostra de pluralidade mais estou certo que non fica por debaixo dos demais medios.

O pasado é necesario para entender o presente, para encarar o futuro. Infelizmente, o semanario segue a ser a única posibilidade para quen acode aos quiosques co ánimo de ler prensa galega. Eventos como a celebración do 5 aniversario deben servir para ampliarmos esta base lectora, para nos facer máis visíbeis e termos máis relevancia social, máis posibilidades de nos consolidar.

Mais tamén aí seguiremos a afondar, porque non podemos seguir sendo un país visto desde fóra. Temos que ter mecanismos para ser nós quen defina e quen exporte a nosa imaxe de nación.

Eventos como a celebración do 5 aniversario deben servir para ampliarmos esta base lectora, para nos facer máis visíbeis e termos máis relevancia social

No próximo Veñan, que xa serán Veñan máis 10, teremos un Sermos que chegará a máis xente e que deberá ser o elemento nuclear dun espazo galego de comunicación.

Nestes cinco anos tivemos como único norte sermos un meio de intereses galegos e as nosas perspectivas son camiñar na mesma dirección, isto é, non defraudar ningunha das persoas ou entidades que ten como horizonte dispormos dun medio de comunicación capaz de conciliar o rigor, a veracidade e a pluralidade, refugando falsas neutralidades e sen permanecermos nunca alleos á nosa realidade social.

Amigas, amigos, grazas por investirdes en Sermos diñeiro, coñecemento, traballo, tempo, paciencia. Grazas por compartirdes ilusións, críticas, esperanzas, soños.

Grazas e veñan máis 5!