Xustiza

Arrinca o xuízo contra o autor confeso do triplo crime de Valga, que se enfronta á prisión permanente revisábel

O autor confeso do asasinato da súa ex muller, a súa ex cuñada e a súa ex sogra en Valga, identificado como José Luis Abet. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)
José Luís Abet agardou a ex parella na porta do garaxe cando levaba os fillos, de catro e sete anos, á escola. Asasinouna a tiros e cando abandonaba a escena do crime topouse coa ex sogra e a ex cuñada, ás que tamén matou. Logo entregouse e confesou o triplo crime.

Tres anos e medio despois, a Audiencia Provincial de Pontevedra acolle desde esta segunda feira o xuízo contra o home acusado de asasinar, en setembro de 2019, á súa ex muller, a súa ex sogra e a súa ex cuñada en Valga (comarca de Caldas), un crime polo que Fiscalía e acusacións piden para el a aplicación da prisión permanente revisábel. Á primeira hora desta xornada elixirase o xurado popular que deberá emitir un veredicto. José Luís Abet, a quen se lle imputan tres delitos de asasinato, confesou o triplo crime após entregarse no cuartel da Garda Civil de Ames.

Máis tarde chegará a quenda do acusado, seguido de once testemuñas, entre elas o fillo maior da asasinada, que presenciou os crimes. Na segunda xornada declararán 17 gardas civís e ao día seguinte outros tres axentes e dez testemuñas máis. Estas sesións darán paso ás periciais, coa participación de psicólogos, médicos forenses, axentes de balística ou expertos do departamento de Química da Garda Civil, entre outros e outras profesionais.

En presenza dos fillos

Segundo recolle o escrito de Fiscalía, os feitos ocorreron pouco antes das 8 horas do 16 de setembro de 2019, cando o home acudiu á casa da súa ex muller sabendo que a esa hora ela abandonaba a vivenda en coche en compañía dos dous fillos que tiñan en común, de sete e catro anos, respectivamente. Canda el levaba unha arma corta co número de identificación borrado.

Para sorprender a ex muller e "evitar que fuxise", o acusado colocou o seu vehículo diante da porta do garaxe e esperou de pé a que abrise para despois situarse á altura da fiestra da condutora e dispararlle na cabeza coa arma, que levaba oculta nas costas. Após o primeiro tiro na faciana, disparoulle dúas veces máis no pescozo e outra no peito, mentres os fillos estaban sentados nos asentos traseiros.

O acusado disparou catro veces á súa ex muller cando saía do garaxe, mentres os fillos menores estaban sentados no vehículo

Cando abandonaba o lugar do crime no seu vehículo, o acusado cruzouse cun coche no que se dirixían cara á vivenda a nai e a irmá da vítima, que foran alertadas pola veciñanza e por unha chamada da propia muller. "Nese momento, o investigado decide tamén acabar coa vida de ambas as dúas, razón pola que mudou o sentido da marcha e perseguiunas até chegar á casa", prosegue o escrito.

Unha vez alí, o procesado disparou en catro ocasións contra a nai da súa ex muller e en tres contra a súa irmá, acabando coa súa vida no acto. Estes asasinatos tamén foron presenciados polos dous fillos do home, aos que dixo que esperasen no lugar até que chegase a Garda Civil.

O escrito fiscal apunta que o acusado "carecía de calquera tipo de permiso" de armas no momento dos crimes, polo que se investiga onde puido obtela, e que "quixo expresamente que os seus fillos menores de idade presenciasen como mataba a súa ex muller, co consecuente sufrimento que supuña para eles", xa que elixiu o momento no que ambos os dous abandonaban a vivenda para ir ao colexio.

Petición de prisión permanente revisábel

Tanto Fiscalía como as acusacións —particular e popular, que exerce a Fundación Amigos de Galicia— piden para el, por estes feitos, a prisión permanente revisábel (PPR), así como que non poida achegarse ou residir no termo municipal de Valga durante un período de 35 anos. A PPR aplicouse a unha trintena de reos após aplicarse a primeira destas condenas en 2017 a David Oubel, o parricida de Moraña.

Así mesmo, o Ministerio Público reclama unha indemnización ao marido e pai das vítimas con 475.000 euros, e con 341.000 a cada un dos seus fillos. Tamén reclama 235.000 euros de indemnización para a nai e avoa das falecidas, 110.000 euros para a parella da muller asasinada e 70.000 euros para cada un dos seus catro irmáns.

Unha das testemuñas que foi chamada a declarar pola Fiscalía é o fillo maior da vítima principal, que presenciou os feitos canda o seu irmán. Con todo, para preservar a súa intimidade, reclamou que se empregue para tal fin a declaración gravada que prestou e que se reproduza a porta fechada. No caso de que non se autorice, o fiscal solicita que o neno declare mediante videoconferencia e igualmente a porta fechada.