Sanidade

A Xunta da Galiza entregou á sanidade privada 2.131 millóns entre 2013 e 2022

As axudas á sanidade privada incrementáronse en 10,6% nunha década. (Fonte: Estatística de Gasto Sanitario / Gráfico: Nós Diario)

O sector da sanidade privada gaña peso na Galiza. Os centros hospitalarios de titularidade privada suman 2.156 camas, 1.680 das cales están concertadas polo Goberno galego e, por conseguinte, suxeitas a achegas públicas. A súa propiedade corresponde a compañías foráneas.

O Executivo galego pagou á sanidade privada 2.131 millóns de euros entre os anos 2013 e 2022. Segundo os datos procedentes da Estatística de Gasto Sanitario correspondente ao ano 2022, a última elaborada polo Ministerio de Sanidade, as achegas públicas aos operadores sanitarios privados non deixaron de incrementarse ao longo desa última década, aumentando a súa contía en 10,6%.

As subvencións públicas ás compañías da sanidade privada alcanzaron en 2022, último ano con cifras, 228 millóns de euros, o que representa o seu máximo histórico. O Informe de fiscalización da Conta Xeral do Servizo Galego de Saúde (Sergas) de 2022, elaborado polo Consello de Contas -ente fiscalizador da xestión económico-financeira do sector público galego-, sinala que 61,4% do total dos fondos están destinados a sufragar o gasto derivado da actividade realizada polos centros hospitalarios privados conforme á carteira de servizos concertada. O 38,6% restante correspóndese con outras prestacións sanitarias de operadores privados; entre elas, aquelas derivadas do dispositivo asistencial da saúde mental, dos programas especiais de hemodiálise, dos labores de rehabilitación ou fisioterapia e do conxunto das actividades asistenciais externalizadas polo Sergas.

A Xunta da Galiza achegou á atención especializada en concepto de concertos 138,7 millóns de euros en 2022. A efectos contábeis, inclúense nesta partida a totalidade de prestacións incorporadas á carteira de servizos concertada entre o Sergas e os distintos centros hospitalarios privados, variando os contidos de cada un en función das capacidades asistenciais das entidades contratistas. A maioría dos acordos recollidos nestes concertos cos grupos sanitarios privados inclúen diferentes probas diagnósticas, cirurxías ou servizos de resonancia magnética, medicina nuclear e TAC, sendo importante o número de profesionais que desenvolven a un tempo a súa actividade en centros públicos e tamén en privados.

As relacións contractuais entre os grupos sanitarios privados e o Executivo galego están no foco da acción fiscalizadora do Consello de Contas. Así, no seu informe do ano 2022, afirma que "os contratos nacen de procedementos negociados cuxa xustificación, en particular os de cobertura xeral, non teñen amparo nun criterio de natureza contractual que conclúa a imposibilidade de promover concorrencia na oferta", e destaca ademais que "esta ausencia de concorrencia limita o proceso licitatorio aos termos acordados polas partes nun procedemento negociado". Concretamente este reparo foi formulado polo órgano fiscalizador en sucesivos informes.

A empresa concesionaria do Hospital Álvaro Cunqueiro de  Vigo é tamén unha gran receptora de fondos públicos. A compañía, conformada por unha unión temporal de empresas (UTE) que integran a chinesa Puentes, a francesa Meridiam e a luxemburguesa River Rock, recibiu só en 2024 un total de 72 millóns de euros, debéndolle aínda a Xunta da Galiza 770 millóns tras facerlle efectivos desde 2015 pagamentos por unha contía de 659 millóns. Precisamente, en relación a esta dotación sanitaria, o Consello de Contas emitiu un informe o 31 de xullo no que sinalaba que o modelo empregado polo Goberno galego para a construción do hospital de Vigo xerou un sobrecusto de máis de 470 millóns de euros.

Privatización da sanidade

As políticas do Goberno galego teñen favorecido un importante desenvolvemento do negocio sanitario. A este respecto, o último informe da Fundación Instituto para o Desenvolvemento e Integración da Sanidade (Idis), entidade que aglutina o sector sanitario privado, contando no seu padroado con 12 representantes dos principais grupos de hospitais e clínicas privadas —así como de compañías aseguradoras—, sinala que en 2021 o gasto sanitario privado per cápita situouse na Galiza en 650 euros.

O peso da sanidade privada é tamén relevante no ámbito da Atención Especializada. Segundo as cifras de Idis, Galiza conta con 15 hospitais de titularidade pública e 18 de propiedade privada. Nove destes centros sanitarios teñen asinado un concerto parcial co Sergas e dous un concerto substitutivo. Os outros sete carecen de relación contractual pola fórmula de concerto coa Administración galega.

A Galiza conta con 2.156 camas hospitalarias de xestión privada, que representan 22,3% do total do sistema sanitario galego e 4,5% das prazas privadas existentes no Estado. A este respecto, só presentan unha porcentaxe máis elevada de camas hospitalarias neste réxime de titularidade Catalunya (39,2%), Madrid (13,6%), Andalucía (10,9%) e País Valencià (4,7%). A maior concentración de camas do sector privado galego dáse nos 14 hospitais de atención xeral, con 1.812. A maiores, os tres centros especializados en saúde mental e no tratamento das toxicomanías suman 203, mentres outras dúas dotacións sanitarias privadas engaden 141.

A Xunta ten concertadas 1.680 prazas hospitalarias cos operadores sanitarios privados. Case oito de cada dez (77,3%) camas operativas nos hospitais privados do país están financiadas pola Administración galega, o que representa un incremento de catro puntos en relación co ano 2020. Ao tempo, a Fundación Idis precisa que a sanidade privada ocupa unhas 4.920 persoas no conxunto do país.

O negocio sanitario da Galiza está en mans de empresas estranxeiras

O negocio da sanidade privada na Galiza está en mans das grandes multinacionais do sector. Así, o primeiro operador en número de prazas é o grupo francés Vivalto Santé, titular de catro centros médicos no país, entre eles o hospital vigués de Povisa, con 573 camas; o ferrolán Juan Cardona, con 150 camas, e o lugués de Polusa, con 80 camas.

O grupo Quirón, pertencente ao xigante alemán da saúde Fresenius Helios, dispón na Galiza de oito centros médicos. O máis grande en número de prazas é o Hospital Miguel Domínguez de Pontevedra, con 98; seguido do Sanatorio Nosa Señora dos Ollos Grandes de Lugo, con 70, e do hospital Quirón da Coruña, con 54 prazas.

Hospitales de Madrid (HM), propiedade da familia Abarca Cidón, conta con catro centros sanitarios na Galiza. Así, na Coruña, son titulares do Hospital Maternidade Belén e da Clínica Modelo, con 146 camas operativas. E en Santiago de Compostela posúen os hospitais Nosa Señora da Esperanza e A Rosaleda, con capacidade para un total de 119 doentes.

Vithas é outro dos xigantes do sector presentes na Galiza. A compañía, propiedade da familia Gallardo, dona da farmacéutica Almirall, é titular da Clínica Nosa Señora de Fátima de Vigo, con 200 prazas. Este grupo empresarial, canda Ribera Salud, Quirón e Hospitales de Madrid, debe parte do seu desenvolvemento aos procesos de privatización da sanidade pública impulsados na Comunidade de Madrid e o País Valencià baixo gobernos do Partido Popular.