A Xunta fechará 780 camas hospitalarias neste verán, 115 máis que en 2023

O Goberno galego fechará máis de 780 camas nos hospitais galegos durante a tempada estival. A proposta da Xunta da Galiza significa reducir as prazas hospitalarias en máis de 9% e implica deixar sen funcionamento arredor de 115 camas máis que na anualidade pasada, cando ficaron fóra de servizo 665.

20240529 Sanidade Caamano Parlamento3_20240529173403
photo_camera O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez, antonte no Parlamento da Galiza. (Foto: Europa Press).

204 camas deixarán de funcionar na tempada estival nos cincos hospitais da área sanitaria da Coruña-Cee. Neste sentido, nos catros centros hospitalarios da cidade da Coruña fecharán 180 camas, 50 das cales correspóndense ao Hospital Abente Lago, 41 ao Hospital Teresa Herrera, 69 ao Hospital Universitario da Coruña (CHUAC) e 20 ao Hospital de Oza. Asemade, no Hospital Virxe da Xunqueira de Cee, no distrito sanitario da Costa da Morte, ficarán fóra de funcionamento outras 24 camas.

Os feches de camas arrancarán no mes de xuño no Hospital Virxe da Xunqueira de Cee e afectarán todos os centros de Atención Especializada da área sanitaria da Coruña entre os meses de xullo e setembro. Neste mesmo período, a Consellaría de Sanidade prevé deixar sen funcionamento entre 36 e 40 camas na área sanitaria de Ferrol, unha cifra semellante á de 2023, cando se deixou sen servizo a unidade de Medicina Interna do Hospital Militar.

112 camas hospitalarias menos en Compostela

A xerencia da área sanitaria de Compostela confirmou onte o feche de 112 camas hospitalarias entre o 16 de xullo e o 16 de setembro. A redución de prazas concéntrase no Hospital de Conxo e no Hospital Clínico Universitario de Santiago (CHUS) e afecta servizos de Uroloxía, de Oftalmoloxía, de Medicina Interna ou da Unidade de Coidados Intensivos (UCI). A maiores, levan varios meses sen actividade por obras arredor de 70 camas no Hospital Gil Casares.

134 camas hospitalarias ficarán fóra de servizo na tempada estival na área sanitaria de Lugo. 68 delas atópanse no Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) de Lugo, 38 no Hospital da Mariña, emprazado en Burela, e 28 no hospital de Monforte (Terra de Lemos). Nesta área, o feche de camas arrancará no propio mes de xuño e alongarase até finais de setembro.

Vigo con máis de 170 camas fechadas

A área sanitaria de Vigo comeza mañá o feche de camas hospitalarias asociado ao período estival. Segundo fixo pública a xerencia, prevense deixar fóra de funcionamento entre 110 e 114 camas desde o 15 de xullo ao 2 de setembro no Hospital Álvaro Cunqueiro. Na mesma dirección, no Hospital do Meixoeiro ficarán sen servizo 30 camas a partir de mañá e outras 30 desde comezos de xullo, que se suman ás que permanecen sen actividade durante todo o ano.

Os responsábeis da área sanitaria de Pontevedra estudan fechar arredor de 122 camas. A este respecto, fontes da xerencia comunicaron a Nós Diario que a redución de prazas hospitalarias será “semellante” a do ano anterior, prevendo reducir a oferta en perto de 100 unidades no complexo de Pontevedra e en cerca de 20 no hospital de Vilagarcía de Arousa (O Salnés).

A área sanitaria de Ourense foi a única da Galiza que nas pasadas anualidades mantivo en funcionamento a totalidade das camas hospitalarias nos meses de verán. Segundo puido saber Nós Diario por responsábeis do Servizo Galego de Saúde (Sergas) nesa área, a intención da xerencia é continuar coa liña de anos anteriores, polo que a súa intención é non fechar ningunha das camas que prestan servizo durante todo o ano.

As xustificacións da Xunta da Galiza

A Consellaría de Sanidade xustifica o feche de máis de 780 camas hospitalarias na tempada estival, sinalando que “fai a planificación asistencial para os meses de verán tendo en conta factores como os menores índices de ocupación hospitalaria nesas datas debido, fundamentalmente, a unha redución estacional de patoloxías e á correlativa redución de ingresos por enfermidade”.

As autoridades sanitarias explican a Nós Diario que “esta planificación realízase en función de estudos exhaustivos de actividade de anos anteriores e tendo en conta a responsabilidade principal da sanidade pública galega de garantir a calidade asistencial dos pacientes durante os meses de verán, período no que se concentran a maioría de peticións de vacacións por parte do persoal”.

As razóns de Sos Sanidade Pública

Os argumentos da Administración galega non convencen a usuarios e usuarias, persoal do Sergas ou colectivos en defensa da sanidade pública. Neste sentido, o voceiro de SOS Sanidade Pública, Manuel Martín, apunta a Nós Diario que “o feche de camas mantén os hospitais semiparalizados e así non hai forma de rematar coas listas de agarda”. Martín destaca que “o feche de camas mantén e incrementa as listas de espera, onde temos un tapón, polo que sería o verán a época do ano ideal para reducir as listas”.

Martín asegura que “a redución de camas e a falta de persoal impiden que o sistema hospitalario funcione de forma axeitada, ao non contar con medios para atender a xente que acode” aos mesmos. Asemade, lembra que “a ausencia de profesionais nos centros de Atención Primaria provoca no verán que moitos pacientes acudan  Urxencias dos hospitais, o que  provoca auténticos colapsos no sistema hospitalario”.

Pacientes e persoal rexeitan os recortes de Sanidade

A Consellaría de Sanidade descarga nas xerencias das áreas sanitarias os recortes executados na tempada estival con motivo das vacacións do persoal. Neste punto, significa que “cada área sanitaria está a facer a planificación necesaria para garantir a mellor asistencia durante o verán, atendendo cada unha delas ás particularidades concretas".

A delegada da Confederación Intersindical Galega (CIG) no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC), Lucía Peón, sinala a Nós Diario que “coas listas de agarda existentes, onde mesmo se incumpren os prazos máximos de atención legais e coas derivacións á privada non se xustifica o feche de camas na tempada de verán” Ao tempo, denuncia que “das 180 camas que se fechan no CHUAC, 70 son de Medicina Interna, o que vai provocar unha sobrecarga nas Urxencias”.

O presidente da Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS, Fernando Abraldes, explica, en declaracións a Nós Diario, que “os recortes do verán son de dous tipos. Por unha parte féchanse as axendas dos médicos quen nos están dispoñíbeis e non se cobren as súas baixas. Por outra, demóranse as consultas externas e féchanse as camas", algo que vai máis alá do conxuntural, xa que o nivel de ocupación das camas no CHUS non supera o 55%.

Comentarios