A Xunta da Galiza reduciu en 33% a capacidade de hospitalización do Álvaro Cunqueiro

Hospital Álvaro Cunqueiro, en Vigo. (Europa Press).

Os recortes acometidos pola Xunta da Galiza nas obras do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo minguaron de forma significativa a súa capacidade asistencial. Menos superficie hospitalaria e menos recursos que no proxecto inicial malia o sobrecusto de 470 millóns constatado polo Consello de Contas.

O Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo non se corresponde co proxecto licitado pola Xunta da Galiza hai máis dunha década. Unha das primeiras medidas acordadas por Alberto Núñez Feixoo tras chegar á Presidencia do Executivo galego en 2009 foi mudar o modelo de construción e xestión desta infraestrutura sanitaria, reducir a súa superficie e suprimir parte das prestacións incorporadas no deseño inicial. Porén, estas mudanzas non implicaron unha minoración dos seus custos, pois finalmente rexistrouse un sobreprezo de 470 millóns de euros, tal e como constatou o pasado 31 de xullo o Consello de Contas, ente fiscalizador da xestión económico-financiera do sector público galego.

Xa en febreiro de 2014, o economista e avogado da Asociación para a Defensa da Sanidade Pública, Antón Beiras, sinalaba nun traballo publicado en Sermos Galiza que o hospital construído "é máis pequeno que o proxectado", pois a superficie hospitalaria quedara reducida "en 15.423 metros cadrados", e a de aparcadoiro, "en 16.173 m2".

O Cunqueiro foi deseñado como un centro de alta intensidade tecnolóxica e elevada especialización. Nesta liña, o proxecto inicial recollía a potenciación das áreas diagnósticas cunha superficie de 4.405 m2, con 59 salas de diagnose por imaxe, cinco de TAC, seis de resonancias magnéticas (RMN), dúas para anxiografía e intervencionismo e mais outros dous espazos de reserva. Unha vez modificado o proxecto polo Goberno de Feixoo, porén, a superficie das áreas diagnósticas por imaxe reduciuse 60% e só se fixeron 32, por volta de catro salas de TAC e tres de RMN, mentres as salas de anxiografía e intervencionismo desapareceron.

Os retallos en Urxencias

Un dos eixos básicos do proxecto do hospital vigués era o reforzo do servizo de Urxencias, partindo de que nos momentos de máxima presión na área sanitaria de Vigo chegan a prestar asistencia a 1.000 urxencias ao día. Nesta dirección, o centro sanitario deseñado contaba cunha urxencia xeral de 48 camas de observación, 39 boxes de exploración e 16 locais de consulta, que tras as mudanzas aprobadas polo Goberno de Núñez Feixoo quedaron en 30 camas na urxencia xeral e en cadeiras de brazos no canto de boxes, desaparecendo os locais de consulta.

A superficie do servizo de Urxencias do Hospital Álvaro Cunqueiro é de 4.291 m2, case 1.500 por baixo dos fixados no proxecto inicialmente aprobado. A este respecto, a área de Urxencias pediátricas ficou reducida a dúas camas e oito berces fronte ás 12 previstas, recortándose en 40 as camas de observación de todos o servizos de Urxencias do hospital vigués, o que representa unha mingua de 55,5% a respecto do deseño orixinal. Precisamente o recorte no número de camas hospitalarias nos diversos servizos do centro sanitario é unha das cuestións denunciadas polo Consello de Contas.

A capacidade de hospitalización estaba fixada para atender as necesidades asistenciais dunha poboación de 600.000 persoas. Nesta liña, o proxecto estabelecía unha área de hospitalización cunha superficie de 38.941 m2 que finamente ficou limitada a 25.931. As súas capacidades comezaron a ser reducidas nos propios pregos de condicións técnicas e cláusulas administrativas do contrato de concesión de obra pública aprobados en 2010, cando se eliminan o módulo de docencia e investigación, o de rehabilitación e até 160 camas de coidados intermedios.

O segundo recorte no número de camas na área de hospitalización do Cunqueiro chegou en 2011 coa modificación do Plan Funcional aprobado pola Consellaría de Sanidade, naquela altura dirixida por Pilar Farxas. Aquela medida provocou a supresión doutras 160 camas de hospitalización convencional e a transformación a uso dobre dunha parte das habitacións individuais, que pasan a representar só 10% desta área do complexo hospitalario. O centro conta en total con 845 camas de hospitalización convencional.

Menos quirófanos dos inicialmente previstos

Os servizos de cirurxía resultaron moi afectados polos cambios introducidos polo Goberno galego. Mentres no proxecto se incluía un bloque cirúrxico formado por 36 quirófanos, dos que 22 eran de cirurxía programada, oito de cirurxía maior ambulatoria, dous de urxencias, dous de cesáreas, un de fecundación in vitro e un de anxiografía, finalmente o hospital ficou con só 25 quirófanos. Neste caso, 22 son de cirurxía con ingreso; dous, de cesáreas, e un, de fecundación in vitro, aos que se suma unha unidade de traballo e parto integrada neste bloque. Ao tempo, a unidade de críticos viu reducida a súa capacidade en 25%.

A advertencia de Contas

O Consello de Contas alertou sobre estas mudanzas e advertiu da súa suposta ilegalidade. Nesta liña, no seu informe do 31 de xullo sinalou que "as modificacións anteriores van máis aló dunha simple reestruturación de espazos e supoñen unha modificación substancial do contrato, afectando tanto á construción do propio edificio como ao custo da prestación dalgún dos servizos". Neste sentido, o Consello de Contas denunciou que "existiu unha redución da superficie hospitalaria que ten incidencia tanto na fase de construción da infraestrutura como no custo da prestación dos servizos, sen que se reducira o prezo do contrato".

As contas do bipartito de 2009 recollían 300 millóns para o hospital de Vigo

As denuncias de sobrecustos de 470 millóns de euros nas obras de Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo a raíz do informe do Consello de Contas do pasado 31 de xullo foron respondidas polo Goberno galego co argumento de que a fórmula escollida de colaboración público-privada era "a única posíbel" para poder executar a obra, ao non contar con dotación orzamentaria e poder incorrer nun déficit excesivo, no marco das limitacións impostas pola Comisión Europea e aplicadas polo Goberno do Estado. Mais os orzamentos galegos de 2009 e os acordos do Consello da Xunta de febreiro dese ano desmontan as afirmacións dos actuais responsábeis do Executivo galego.

Neste sentido, as contas públicas de 2009, as últimas elaboradas polo Goberno de coalición do PSdeG e do BNG, recollían xa unha dotación para financiar esta actuación. Ao tempo, o 5 de febreiro de 2009 a Xunta aprobaba o Plan económico financeiro da Sociedade Pública de Investimentos, no que se contemplaba a execución do novo hospital de Vigo por parte desa entidade.

E unhas semanas máis tarde, o 26 de febreiro, a conselleira de Sanidade, María José Rubio (PSdeG), asinaba o citado plan co presidente da Sociedade Pública de Investimentos do Goberno galego para a construción do recinto por unha contía próxima a 300 millóns de euros. No mesmo acordo a empresa pública comprometíase a ter rematada a dotación sanitaria para o exercicio 2013, asumindo a Xunta o seu pagamento entre as anualidades de 2011 e 2021.