A Xunta deixa o centro de saúde de Trabada cun só médico

Casa do Concello de Trabada, na comarca da Mariña. (Foto: Cedida).

O municipio mariñán de Trabada non escapa aos recortes sanitarios aplicados pola Xunta da Galiza. A Plataforma Sanitaria da Mariña e o Concello de Trabada convocan unha mobilización para o vindeiro domingo 15 de setembro fronte ao centro de saúde.

O centro de saúde Trabada está dotado con dúas prazas de persoal médico. Mais desde o ano 2023, no que se xubilou un dos dous facultativos, un só profesional tívose que facer responsábel da asistencia sanitaria das 1.100 persoas que residen no municipio.

A voceira da Plataforma Sanitaria da Mariña, Montse Porteiro sinala que “Trabada é un concello moi extenso, cunha poboación moi avellentada, moi disperso e cunha distancia entre núcleos de poboación bastante grande. Por estes motivos a súa poboación, con gran porcentaxe de maiores de 65 anos, é altamente demandante de atención médica”.

En Trabada danse moitos casos de atención domiciliaria nos que hai que investir moito tempo”, destaca Porteiro quen explica que “é por iso que malia que a poboación é de 1.100 habitantes, faise absolutamente imprescindíbel contar cos dous facultativos todos os días e a tempo completo”.

Porteiro afirma que “Trabada conta tamén cunha residencia de maiores de 39 prazas da que se debe ocupar o persoal médico e de enfermería do centro de saúde, polo que a carga de traballo aumenta de xeito significativo”.

Non pode en ningún momento quedar o centro de saúde sen o seu persoal sen substituír, sendo imprescindíbeis os dous médicos e a enfermeira todos os días e durante todo a quenda”, desvela Porteiro.

Sen médicos tres días á semana en agosto

A situación do centro de saúde de Trabada complicouse nos meses de verán. A este respecto, Porteiro indica que “a ausencia do único médico que hai actualmente durante o mes de agosto produciu numerosas situacións deficitarias, xa que foi substituído unicamente durante dous días á semana e durante unhas horas cada día”

A Plataforma Sanitaria da Mariña e o Concello de Trabada consideran que “a situación que está a atravesar o centro de saúde de Trabada é moi grave e os únicos responsábeis son o SERGAS e o Goberno da Xunta, que están a destruír a Atención Primaria na comarca de xeito flagrante”.

Porteiro chama a “defender a sanidade pública, pois está sendo  totalmente desmantelada polas políticas de privatización e centralización da atención sanitaria que deixan ás poboacións máis rurais sen os servizos básicos necesarios para ter unha atención sanitaria digna”.