A Xunta destaca o incremento na Galiza de 8% de turistas desde xaneiro mais baixa 3,9% en xullo

#turismo #turista #turistas #hotel #hoteis #peregrinos (Foto: Arxina)

A Xunta da Galiza destacou onte os datos que publicou esta cuarta feira o Instituto Nacional de Estatística (INE) o incremento de 8% no número de turistas e de 6% no número de noites durante o período acumulado dos sete primeiros meses do ano.

Se se atende só ás cifras de xullo, as noites en estabelecementos hostaleiros galegos baixaron un 1,7% e os viaxeiros caeron un 3,9%. Porén, desde o Goberno galego salientan o "notábel" aumento este ano e engade que "permite" aos estabelecementos hostaleiros do país "situarse por enriba dos niveis previos á pandemia, "alcanzando con isto un máximo da serie histórica neste período de sete meses".

O incremento do nivel de demanda, en relación ao mesmo tempo do pasado ano, rexístrase "nun contexto no que o volume de oferta sobe nun 2% de media", engade. 

Ademais, agrega tamén que as tarifas hostaleiras aumentaron un 4%, en comparación co ano pasado, e un 17% a cifra de 2019, "alcanzando tamén a cifra máis elevada da serie histórica".

Nesta caso, 72% das noites hostaleiras correspóndense con turismo de ámbito estatal, do que 24% é galego. Porén, a Xunta advirte do "forte incremento" do turismo estranxeiro e sinala que "alcanza un máximo da serie histórica dos primeiros sete meses do ano tanto en volume, con case 1,4 millóns de noites, como en peso, co 28% do total da demanda". 

En relación ao aumento de turistas, a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín (BNG), remitiulle a principios de agosto ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, unha proposta para a implantación dunha taxa turística na cidade, así como un "exhaustivo" informe da súa aplicación práctica da mesma.