A Xunta prevé na próxima semana autorizar a Altri a captación de auga do UIla

Encoro de Portodemouros no que Altri pediu a captación, visto desde Brocos, Agolada (O Deza). (Foto: Nós Diario)
Autorizará á celulosa empregar 46 millóns de litros diarios de Portodemouros.

A Xunta da Galiza quere autorizar a captación de auga pedida por Altri para a súa macrocelulosa de Palas de Rei (A Ulloa) na última semana deste mes de xullo, segundo aseguran a Nós Diario fontes da Administración galega próximas á tramitación deste procedemento (expediente DH.A36.88645). O Diario Oficial da Galiza (DOG) do 26 de decembro de 2023 publicaba o anuncio do Servizo Territorial da Zona Hidrográfica da Galiza Centro sometendo a información pública o procedemento ambiental e a solicitude de concesión de captación de augas nos concellos de Agolada (O Deza), Santiso (Terra de Melide) e Palas de Rei para o Proxecto Gama de construción da celulosa de Altri-Greenalia.

Desde entón e até mediados de febreiro de 2024 centos de veciños e veciñas da zona presentaron por rexistro alegacións contra a pretensión de Altri de captar 46 millóns de litros de auga ao día do encoro de Portodemouros (Agolada) e transportala por tubaxes 12,4 km até Palas de Rei, ao predio de Quintas onde a pasteira portuguesa pretende construír a macrocelulosa.

Ademais da inxente cantidade de auga que demanda a empresa e que a Xunta prevé autorizar, as alegacións contra o proxecto foron tamén masivas no caso dos propietarios e propietarias dos 381 predios afectados pola instalación da fábrica. A veciñanza nas alegacións contra o proxecto referíase ao “fraccionamento fraudulento” do mesmo por parte da empresa, que separou a captación do Estudo de Impacto Ambiental e o resto do proxecto (que publicou o DOG o 4 de marzo). Os propietarios dos terreos afectados polos 12,4 quilómetros de tubaxes denunciaban tamén nas súas alegacións que ninguén se puxo en contacto con eles para informalos da afectación aos seus predios, ou mesmo para negociar a compra dos terreos. Só no concello de Agolada hai 218 predios afectados e no caso de Santiso as tubaxes atravesarían por completo o seu territorio.

A autorización que a Xunta da Galiza pensa darlle á captación solicitada pola empresa implica para estas centos de propietarias afectadas que os seus terreos quedarán cunha servidume durante o tempo que dure a concesión, por 75 anos, pola que a empresa poderá acceder sempre que queira a calquera destas terras polas que pasa a captación. Ademais e logo de soterrar esta infraestrutura, os propietarios verán limitado o uso destes predios, que quedarán practicamente só como postos.

Directiva Marco da Auga

Alén dos propietarios, a autorización de Augas da Galiza implica que Altri poderá extraer do encoro de Portodemouros 46 millóns de litros de auga ao día dos que, segundo o proxecto presentado pola pasteira, devolverá 30 millóns de litros diarios en forma de vertedura e a 27 graos de temperatura na parroquia do Sexo (Agolada), 2 km  arriba da captación.

Mesmo o comisario europeo de Medio Ambiente, Virginijus Sinkevicius, alertou o mes pasado do estado deste encoro e o seu incumprimento da Directiva Marco da Auga da Unión Europea, o que de non mellorar no ano 2027 podería implicar sancións para o Estado español.

Portodemouros

O encoro de Portodemouros ten unha concesión de aproveitamento hidroeléctrico en mans de Naturgy até o 1 xaneiro de 2061. Segundo confirmou a eléctrica a Nós Diario, tamén presentou alegacións “como parte interesada”, xa que, din, “ao existir unha concesión preexistente, é preceptivo, segundo a normativa sectorial, velar pola compatibilidade de usos”.