A Xunta propón medidas en medios de transporte ante os casos da varíola do mono

Imaxe de partículas do virus mpox (en vermello e amarelo).

Na Galiza rexistráronse seis casos no que vai de ano.

A Xunta da Galiza proporá, na reunión de Sanidade coas comunidades autónomas, medidas en aeroportos ou outros medios de transporte, así como a dispoñibilidade de vacinas, como actuacións preventivas ante os casos confirmados de infección por mpox, anteriormente coñecido como varíola do mono.

Antes, o día 19, Sanidade confirmou que haberá unha reunión dun grupo técnico para pór en común e discutir as actuacións que se deriven da emerxencia sanitaria internacional polo brote de mpox en África.

No encontro participarán o Centro Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias, o Centro Nacional de Epidemioloxía, o Centro Nacional de Microbioloxía, a División de VIH e Vacinas. Ese mesmo día 19, o Estado español participará no Comité de Seguridade Sanitaria da UE xunto ao resto de países para analizar a situación.

Ademais, o día 20 reunirase o 'relatorio de alertas' da que forman parte representantes de todas as comunidades autónomas para debater se se modifica algunha recomendación de vixilancia ou vacinación.

Sobre a mesma, a Consellería de Sanidade manifestou que espera que se informe da situación actual a nivel mundial e nacional "e tamén as vías de transmisión, as características das novas variantes do virus, medidas de prevención, así como abordaxe dos contactos estreitos".

Tamén indican que na reunión de Comisión de Saúde Pública debaterase sobre as medidas que se van a tomar no ámbito estatal. "Unha das formulacións que levamos desde a Galiza son as medidas en aeroportos e outros medios de transporte internacional, así como da dispoñibilidade de vacinas".

Incidencia

Na Galiza, no que vai de ano, detectáronse seis casos, lembra o departamento autonómico que insiste en que se están mantendo "todas as medidas de vixilancia epidemiolóxicas activas: detección precoz de casos e contactos, análises microbiolóxica e vacinación activa".

Pola súa banda, o Ministerio de Sanidade informou de que o Estado rexistrou un total de 8.104 casos confirmados de infección por mpox desde o inicio do brote en 2022, o que o sitúa como o estado europeo con máis persoas afectadas, seguido por Francia (4.272) e Reino Unido (3.866).

En 2024, até o día 8 de agosto, notificáronse á Rede Nacional de Vixilancia Epidemiolóxica (RENAVE) un total de 264 casos de mpox, a maioría dos casos en homes cunha mediana de idade de 37 anos e nados en territorio estatal.

Ademais, no último mes, notificáronse casos en 9 comunidades autónomas: Comunidade de Madrid (116 casos), Andalucía (67), Catalunya (22), Baleares (10), Comunidade Valenciana (11), Galiza(6), Castela a Mancha (6), Euskadi (5), Castela e León (3), Canarias (3), Estremadura (1) e Murcia (1).

Esta cuarta feira, 14 de agosto, a OMS decretou a emerxencia de saúde pública de preocupación internacional, o seu nivel de alerta máis alto, polo brote de mpox en África, xurdido na República Democrática do Congo (RDC) e causado por unha nova cepa máis grave e letal.