A Xunta restrinxe a mobilidade nos concellos de Ourense e Barbadás

A veciñanza de Ourense e Barbadás ve restrinxida a súa mobilidade. (Foto: Europa Press)
O comité de persoas expertas que orienta á Consellaría de Sanidade recomendou tomar esta decisión após analizar a evolución da pandemia. É a medida máis dura que se toma na Galiza desde o confinamento da comarca da Mariña.

A Consellaría de Sanidade vén de anunciar a restrición da mobilidade nos concellos de Ourense e Barbadás debido a que as medidas tomadas con anterioridade para frenar o volume de contaxios non xurdiron efecto. Esta decisión é a máis limitadora que padece a poboación desde o confinamento da Mariña a principios de xullo. As medidas entrarán en vigor a partir da medianoite do mércores ao xoves, segundo indica a Xunta nun comunicado.

O comité clínico co que mantén reunións periódicas a Xunta recomendou impoñer esta medida prohibitiva despois de analizar a situación epidemiolóxica.

Así mesmo, no encontro acordouse ampliar as limitacións das xuntanzas a persoas que convivan ao propioo municipio de Barbadás, ademais de aos concellos de Verín e o Barco de Valdeorras.  Esta última medida de control será válida tamén noutras comarcas como a do Carballiño.

O grupo clínico opina que convén reforzar a prevención co obxectivo “protexer, coa máxima intensidade posíbel, a saúde da poboación destes concellos e conter os contaxios para evitar a súa propagación máis aló desa zona”.

A restrición da mobilidade implica que a cidadanía de ambos concellos non poderá desprazarse fóra de ningún deles “agás por motivos laborais, sanitarios ou educativos”.

Igualmente, dentro dos dous termos municipais pasarán a aplicarse medidas de nivel 3. É dicir, limitaranse máis as actividades, de tal maneira que a hostalaría non poderá servir no interior dos locais, nas terrazas só estarán permitidos os grupos de cinco persoas. No caso dos restaurantes, ese máximo será para o estabelecemento interior.

Nivel 2 de seguridade

En paralelo, a Xunta ordena a entrada no nivel dous aqueles municipios integrados nas comarcas do Carballiño, O Ribeiro, Allariz, Verín, O Barco de Valdeorras e a propia Ourense.

Entre os cambios que implica esta fase de seguridade están a redución das capacidades dos negocios ao 50%, a prohibición de consumir nas barras dos locais de hostalaría, e a menor asistencia a bibliotecas, autoescolas e centros de ensino privado non regrado, entre outras cuestións.