Ensino

A Xunta rexeita a gratuidade universal do material escolar

O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, no Parlamento. (Foto: Xunta)
"Non parece unha medida moi progresista", di o conselleiro de Educación.

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, rexeitou esta cuarta feira universalizar a gratuidade dos libros de texto e do material escolar porque, dixo, a "auténtica xustiza social" é aplicar "criterios de renda" na adxudicación das axudas. Ademais, durante a súa resposta a unha interpelación do deputado do PSdeG Julio Abalde, o conselleiro esgrimiu que tampouco recolleu esta universalización a última lei educativa do Goberno estatal, coñecida como 'Lomloe', aprobada a finais de 2020.

O deputado socialista cualificou de "insuficientes" os apoios actuais á compra de material escolar e reclamou á Xunta que faga "un esforzo" para que o acceso tanto a estas axudas como ao banco solidario de libros de texto, que agora alcanzan 80% das familias, "non estea condicionado á situación económica". Neste contexto, Abalde lembrou que a gratuidade xa era "universal" no ano 2009, cando estaba á fronte do Goberno galego o socialista Emilio Pérez Touriño.

"Poucos asuntos foron tan debatidos no Parlamento como este", dixo o conselleiro ao comezo da súa resposta, na que insistiu en rexeitar o "café para todos", porque as familias con rendas altas "non poden ter os mesmos apoios políticos" que as das baixas. "Non parece unha medida moi progresista", engadiu.

Así mesmo, Román Rodríguez negou que se cuestione a gratuidade e a universalidade da educación "tendo en conta o sistema de acceso a libros de texto ou de material". Tamén cualificou de "incoherente" que o PSdeG fale de "dereito" pero non se introducise na Lomloe. Con todo, o deputado socialista dixo que "non é unha cuestión ideolóxica", senón "de vontade", porque na Comunidade de Madrid xa rexe esta gratuidade.

O titular de Educación cifrou nuns 100 millóns de euros o que achega a Xunta a "favorecer a equidade entre alumnos e familias" no país, ao que sumou outros 120 millóns para o transporte escolar.

Durante a súa intervención, o conselleiro aproveitou para queixarse polo "enorme desembolso" que tivo que facer a Administración galega nos últimos cursos para a compra de libros de texto adaptados á Lomloe, que introduciu cambios "de modo unilateral" nos contidos.

Rodríguez tamén criticou que aínda non se coñeza o plan de libros gratuítos que PSOE e Sumar asinaron no seu pacto de investidura, nin tampouco, a "dous meses" de que empece o novo curso, dunha estratexia de reforzo en Matemáticas e Lingua dotada con 500 millóns de euros que anunciou o presidente do Goberno, Pedro Sánchez.