27 e 28 de maio: VII congreso da CIG

Imaxe do VI congreso da CIG

O Consello Confederal da CIG aprobou o regulamento precongresual, onde se estabelecen os prazos do proceso ou número de congresistas, entre outras cuestións, e as comisións de traballo.

O 27 e 28 de maio decorrerá en Compostela o VII congreso da CIG. Así o acordou o Consello confederal da central nacionalista, que aprobou o regulamento precongresual e as comisións de traballo das que sairán os relatorios de acción sindical, organización e estatutos que serán obxecto de debate. O congreso permitirá avaliar o traballo desenvolvido nos últimos catro anos, etapa na que o sindicato considera que consolidou a súa posición como primeira forza sindical en afiliación en Galiza, con arredor de 65.000 afiliados, e a menos dun punto de ser a primeira en número de delegados.

Participarán 540 congresistas de elección directa mais os membros de pleno dereito, consello confederal e comisión de garantías.

“A CIG encara este Congreso co obxectivo de seguir reforzando a súa estrutura e organización e definir as liñas de traballo que permitan a súa consolidación como primeira forza sindical en Galiza para mellor loitar polos dereitos e as condicións laborais e de vida da clase traballadora galega”, informan desde o sindicato.

Calendario precongresual:

31/12/2016.- Data tope  fixación nominal membros natos Congreso

16/01/2017.- Data publicación censos da afiliación

16/01/2017 - 06/02/2017.- Prazo de exposición e reclamacións aos censos

07/02/2017 - 14/02/2017.- Prazo resolución reclamacións aos censos

15/02/2017.- Data publicación censos definitivos corrixidos

03/03/2017.- Data tope aprobación relatorios polo Consello Confederal

20/03/2017 - 06/04/2017.- Asembleas federativas comarcais debate relatorios

05/04/2017 -28/04/2017.- Asembleas federativas comarcais elección congresistas

19/04/2017.- Data tope envío emendas á Comisión Nacional de Organización

03/05/2017.- Data tope envío congresistas á Comisión Nac. de Organización

27-28/05/2017.- Data celebración VII Congreso CIG

Caixa de resistencia

O Consello confederal tamén debateu outras cuestións á marxe do Congreso, entre elas aprobou introducir unha serie de modificacións ao regulamento polo que se rexe o funcionamento da Caixa de Resistencia coa finalidade de dar cobertura aos traballadores durante os períodos de greve "para que perdan o menos posíbel dos seus salarios e posibilitar que resistan o tempo necesario fronte aos ataques da patronal".

O Consello Confederal tamén acordou que para o 2017 a cota sindical se manteña conxelada.