O 27 e 28 de maio decorrerá en Compostela o VII congreso da CIG. Así o acordou o Consello confederal da central nacionalista, que aprobou o regulamento precongresual e as comisións de traballo das que sairán os relatorios de acción sindical, organización e estatutos que serán obxecto de debate. O congreso permitirá avaliar o traballo desenvolvido nos últimos catro anos, etapa na que o sindicato considera que consolidou a súa posición como primeira forza sindical en afiliación en Galiza, con arredor de 65.000 afiliados, e a menos dun punto de ser a primeira en número de delegados.
Participarán 540 congresistas de elección directa mais os membros de pleno dereito, consello confederal e comisión de garantías.
“A CIG encara este Congreso co obxectivo de seguir reforzando a súa estrutura e organización e definir as liñas de traballo que permitan a súa consolidación como primeira forza sindical en Galiza para mellor loitar polos dereitos e as condicións laborais e de vida da clase traballadora galega”, informan desde o sindicato.
Calendario precongresual:
31/12/2016.- Data tope fixación nominal membros natos Congreso
16/01/2017.- Data publicación censos da afiliación
16/01/2017 - 06/02/2017.- Prazo de exposición e reclamacións aos censos
07/02/2017 - 14/02/2017.- Prazo resolución reclamacións aos censos
15/02/2017.- Data publicación censos definitivos corrixidos
03/03/2017.- Data tope aprobación relatorios polo Consello Confederal
20/03/2017 - 06/04/2017.- Asembleas federativas comarcais debate relatorios
05/04/2017 -28/04/2017.- Asembleas federativas comarcais elección congresistas
19/04/2017.- Data tope envío emendas á Comisión Nacional de Organización
03/05/2017.- Data tope envío congresistas á Comisión Nac. de Organización
27-28/05/2017.- Data celebración VII Congreso CIG
Caixa de resistencia
O Consello confederal tamén debateu outras cuestións á marxe do Congreso, entre elas aprobou introducir unha serie de modificacións ao regulamento polo que se rexe o funcionamento da Caixa de Resistencia coa finalidade de dar cobertura aos traballadores durante os períodos de greve "para que perdan o menos posíbel dos seus salarios e posibilitar que resistan o tempo necesario fronte aos ataques da patronal".
O Consello Confederal tamén acordou que para o 2017 a cota sindical se manteña conxelada.