Acordo entre Goberno español, patronal e sindicatos para "retocar" as pensións

O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, esta cuarta feira, en rolda de prensa. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, anunciou esta cuarta feira un novo acordo en materia de pensións, xunto ás organizacións patronais CEOE e Cepyme, e os sindicatos CCOO e UXT. A CIG, que non forma parte da Mesa do Diálogo Social, cualificou a reforma como "un novo recorte das pensións".

O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, anunciou esta cuarta feira que o Executivo estatal alcanzou un novo acordo cos chamados axentes sociais –representados polas organizacións patronais Confederación Española de Organizacións Empresariais (CEOE) e Confederación Española da Pequena e Mediana Empresa (Cepyme), e os sindicatos CCOO e UXT– en materia de pensións e de Seguridade Social. 

Entre os puntos deste acordo, consensuouse unha nova regulación da xubilación parcial e de xubilación activa para "facela máis atractiva e mellorar a compatibilidade de emprego e pensión", ao tempo que tamén se logrou un entendemento sobre o procedemento para estabelecer coeficientes redutores da idade de xubilación para ocupacións especialmente penosas ou perigosas.

En canto á xubilación activa, elimínase o requisito de ter unha carreira de cotización completa e recoñécese a súa compatibilidade cos incentivos de demora. Suprímese o requisito de ter unha carreira de cotización completa para acceder á mesma, unha modalidade que permitirá a persoas asalariadas e autónomas seguir traballando unha vez xubiladas e cobrar ao mesmo tempo o 50% da pensión. Segundo este pacto, as porcentaxes da pensión que se van poder percibir mentres se traballa son, cun ano de demora, un 45% da pensión; con dous, un 55%; con tres, un 65%; con catro, un 80%; e con cinco anos de demora, un 100%. Non obstante, para as persoas autónomas con asalariadas contratadas, o cobro desta compatibilidade recortarase do 100 ao 75% no primeiro que se reciba e aumentará anualmente en 5% até o 100%.

Sobre os cambios na regulación da xubilación parcial, estabelécese ampliar de dous a tres os anos a posibilidade de anticipo, con límites na redución da xornada (o primeiro ano a redución estará entre un 20% e un máximo do 33%), mais permitirá concentrala se así se acorda coa empresa. Ademais, fíxase que os contratos relevistas serán indefinidos e a tempo completo, e deberán manterse durante cando menos os dous anos posteriores á extinción da xubilación parcial. Segundo o acordo, a actual regulación da xubilación parcial anticipada do persoal da industria manufactureira prorrogarase até o ano 2029, incluído. 

Entre as novidades do acordo anunciado por Sánchez figura a compatibilidade dos incentivos á xubilación demorada –modalidade na que a traballadora segue no seu posto máis aló da dade de xubilación– e a xubilación activa. Concretamente, estabelécese a posibilidade de recibir un incentivo adicional por cada seis meses de demora a partir do segundo ano de demora. Este incentivo será de 2% se se exercita aos seis meses e manterase no 4% se se traballa un ano completo a maiores. 

Outra das cuestións do acordo dado a coñecer esta cuarta feira está relacionada coa xubilación en profesións con elevados índices de penosidade, toxicidade, perigosidade ou insalubridade, para as cales se estabelece un procedemento xeral ao que se terán que someter todos os colectivos que soliciten á Seguridade Social uns coeficientes que lles permitan adiantar o retiro, sempre e cando non sexa posíbel modificar as condicións de traballo.

"Recorte" nos dereitos da clase traballadora

"Un novo recorte nos dereitos da clase traballadora" ao pactar unha reforma das pensións que "dificulta o acceso á xubilación parcial e non resolve as reivindicacións de colectivos laborais que padecen condicións de especial penosidade, perigosidade ou toxicidade". Así cualificou Paulo Carril, secretario xeral da CIG, o acordo entre o Goberno español e os chamados axentes sociais, unha negociación que decorrería "ás escuras", sen pasar polos órganos de representación institucional tripartita.

Para a CIG, todo o que non signifique recuperar a xubilación parcial aos 61 anos en todas as actividades constitúe "un prexuízo para os dereitos que a clase traballadora xa tiña recoñecidos e que lle foron roubados nas diferentes reformas das pensións", efectuadas en cadea desde o ano 2011, cando o Goberno de José Luis Rodríguez Zapatero (PSOE) —tamén co acordo da patronal e de CCOO e UXT— atrasou a idade de xubilación aos 67 anos, incrementou os anos de cotización para o período de cálculo e recortou a xubilación parcial aos 61 anos.

"Hai un recorte na medida en que as persoas traballadoras non se poden xubilar aos 61 anos, afianzando a xubilación ordinaria aos 67 anos, e continúan exixíndose carreiras de cotizacións moi longas que, nun mercado laboral precarizado como o actual, deixa moitas persoas fóra deste dereito", sinalou Carril.

A CIG demanda que a xubilación parcial aos 61 anos "sexa un dereito para o conxunto da clase traballadora"; a necesidade de retornar á xubilación aos 65 anos e non aos 67; que sexa voluntaria para aquelas persoas que a calquera idade teñan acreditado 35 anos cotizados; e unha mellora que permita o acceso á xubilación a través de coeficientes redutores a moitas profesións perigosas, tóxicas 
e penosas. 


"Colaboración" entre mutuas e Sanidade

O pacto entre o Goberno, a patronal e os sindicatos CCOO e UXT tamén concreta un novo marco de colaboración entre a sanidade pública e as mutuas colaboradoras da Seguridade Social.

Para impulsar "un mellor aproveitamento dos medios asistenciais das mutuas", estas porán a disposición da Consellaría de Sanidade os seus recursos humanos e materiais para "axilizar" a diagnose e o tratamento –incluídas rehabilitación e intervencións cirúrxicas– dunha serie de procesos traumatolóxicos. As baixas, confirmacións de baixa e altas médicas continuarán sendo emitidas por persoal facultativo dos servizos públicos de saúde. 

Con todo, para a CIG, esta medida afonda "na privatización e no desmantelamento" da sanidade pública.