Adiada a folga indefinida nas ITV galegas prevista para o próximo día 16

Estacion de ITV na Galiza. (Foto: SyC Applus)
Os sindicatos aceptaron unha suspensión para dar tempo ao persoal deste servizo a estudar a proposta de acordo presentada pola empresa concesionaria.

Os sindicatos que conforman a mesa de negociación das ITV da Galiza –CIG, CSIF, UXT e CCOO– aprazaron a folga indefinida prevista para a vindeira segunda feira, día 16, para dar marxe ao conxunto de traballadores e traballadoraspara debater a proposta de acordo presentada esta cuarta feira pola empresa concesionaria do servizo durante un proceso de mediación.

Nun comunicado, o delegado de CSIF, Carlos Candanedo, cualificou o texto como un "bo documento", pero insistiu en que será o persoal das ITV quen "terá a última palabra" e deberá dar o apoio definitivo a texto. En caso contrario, avisou, a convocatoria de folga manteríase.

Neste sentido, os delegados sindicais, para dar marxe a estudar a proposta, decidiron adiar a folga unha semana, até a vindeira segunda feira 23. 

O voceiro de CSIF considerou que este é "un primeiro paso importante" e un "avance no conflito". "Até o momento a empresa mostrara unha vontade negociadora nula e non puxera enriba da mesa ningunha proposta", lamentou.

Un ano de negociacións

Traballadores e traballadoras das ITV galegas convocaron o pasado agosto catro xornadas de folga, que levaron a cabo todos os sábados do mes, tras case un ano de negociacións sen avances para a aprobación dun novo convenio colectivo.

O persoal das ITV galegas urxe á empresa SyC Applus un convenio xusto e salarios dignos xusto. Ante a posición "inmobilista" da concesionaria, a pasada sexta feira, durante unha nova mobilización, avanzaron a convocatoria dun paro indefinido que agora se detén para analizar a oferta da compañía.