A asemblea do cerco rexeita o principio de acordo impulsado pola Xunta

Foto: Irmandade TV

Piden, “por unanimidade'', ao goberno central que faga outro borrador de reparto. ''O que teñen, non nos val''. O principio de acordo avalado pola Xunta na tarde da sexta-feira ficou en nada. Ademais, anuncian que manterán as mobilizacións se non se acada unha solución.

Os máis de 120 armadores do cerco (dun total de 156  barcos que hai en Galiza) que asistiron na mañá deste sábado á asemblea de Portosín dixeron un claro e rotundo 'non' aos contidos do principio de acordo que na tarde da sexta feira acadaran en Compostela Consellaría do Mar e unha delegación do sector. A asemblea non estivo exenta de discusións e tensións, como recoñecen asistentes á mesma, mais o acordado nela foi, en palabras de J. Blanco, “case todo por unanimidade”.

E o acordado é que o reparto feito desde Madrid non val ao sector galego, que entende que do mesmo sae "moi prexudicado". As 1.450 toneladas de xarda que esta semana o Ministerio engadiu ao cupo galego (após negociar con Noruega, UE e Illas Feroe) non son motivo de abondo para aceptar o borrador. “O problema é o reparto”, insisten, “que non é xusto para os nosos barcos”. Queren que o reparto sexa liñal, tendo en conta número de barcos e tripulantes. Esa é a vía, afirman, para que non se den as fendas nos cupos de xarda e xurelo entre as frotas galega, asturiana, cántabra e vasca que hai na proposta do Ministerio.

A frota galega seguirá, logo, amarrada e haberá novas mobilizacións (“que xa se comunicarán no seu momento, non imos desvelar nada”). Ademais, queren que a conselleira do Mar vaia coa delegación do cerco de Galiza a Madrid para defender a postura do sector perante o Ministerio e que se retire a proposta inicial.

A CIG denuncia ''enganos da Xunta''

Xabier Aboi, da CIG-Mar, denuncioun esta semana que o actual sistema de reparto a flota galega. Un prexuízo do que, apunta, os únicos culpábeis desta situación é a Xunta do PP “porque non soubo defender os intereses do sector”. 

O nacionalista sinala que o reparto para este ano que xera o rexeitamento do sector galego fíxose en ao histórico de 2002 a 2011, “obviando todo o período anterior”. Isto supuxo que os 154 barcos da flota galega lograsen 1900 toneladas (24% da cota), fronte ás 1900 dos 44 barcos cántabros (24%) e ás 3800 toneladas (48%) que lle corresponderon aos vascos a pesar de que contan unicamente con 70 barcos”.

Aboi criticou o anuncio feito onte pola conselleira do Mar no sentido de que a flota galega ía contar con 1.450 toneladas máis en virtude dun novo acordo entre a UE, Noruega e as Illas Feroe. “O que non din é que este novo reparto volve agrandar as diferenzas, porque os cántabros reciben tamén 1.450 novas toneladas e os vascos outras 3000. “O desequilibrio é tan evidente que o porto de Getaria, con 16 barcos, ten o 70% de toda a cota que lle corresponde a Galiza”.

Fronte a isto, apostou po un novo reparto baseado en criterios sociais como o número de tripulantes e demandou do Goberno galego un plan de xestión da sardiña (unha das especies que captura o cerco, xunto á xarda, o xurelo e a anchoa)