Aumentan nun 53% os traballadores afectados por un ERE na Galiza

Foron 3.130 no primeiro cuadrimestre, case 1.100 máis que os rexistrados no mesmo período de 2015

Galiza rexistrou no primeiro cuadrimestre un total de 3.130 traballadores afectados por un expediente de regulación de emprego (ERE), o que supón un incremento do 53% a respeito dos que estiveron nesa mesma situación nos primeiros catro meses de 2015, 2.036. Ese ano houbo, entre xaneiro e decembro, 6.267 afectadas por un ERE.

Desas 3.130 persoas que sofreron un expediente de regulación de emprego no primeiro cuadrimestre deste ano, a gran maioría foron por un ERE suspensivo (2.208), mentres que por un expediente extintivo foron 533 e por redución de cotrnada, 389. Segundo os dados do Instituto galego de estatística, entre xaneiro de 2012 e abril de 2016 houbo 90.556 traballadores afectados por un expediente de regulación de emprego. O ano con máis EREs foi o 2012, con perto de 29.000 traballadores.