Centos de persoas marchan en Vigo contra a precarización laboral en Pescanova

Segunda xornada de greve contra o bloqueo de negociación colectiva.Vídeo no interior

Centos de persoas tomaron parte na manifestación que tivo lugar en Vigo contra a precariedade en Pescanova e na defensa duns convenios dignos no sector da alimentación. Esta terza feira era segunda xornada de greve en Nueva Pescanova, convocada por CIG, CUT, USO e UXT.

Desde as centrais anuncian que este sábado 25 desenvolverán unha nova asemblea cos empregados de Nueva Pescanova para analizar as dúas xornadas de folga e decidir a convocatoria de novas protestas. No caso de que non se produzan avances na negociación dos convenios, o cadro de persoal reitera que a greve pasará a ser indefinida a partir do martes 4 de abril.

“Coa folga queremos deixar claro que non imos permitir a precarización salarial e laboral en Pescanova” afirmaba hai uns días Suso García, da CIG. “A empresa quere modificar toda a estrutura de categorías, quere crear o que eles chaman un novo grupo de entrada, cunha rebaixa importante, tanto a nivel salarial (nalgunhas categorías un 30 ou 40% menos) e incluso a nivel de xornada, con dispoñibilidade case absoluta, de luns a domingo. Nós evidentemente non imos consentir iso”.