O cesamento dun avogado indigna a gran parte da afiliación de CCOO en Ferrol

Imaxe do encerramento

Un grupo de afiliados a Comisións Obreiras de Ferrol mantén desde segunda feira un encerramento na sede da Unión Comarcal como medida de protesta polo cesamento do abogado Gumersindo Cartelle, membro da asesoría xurídica da central nos últimos 27 anos.


CCOO Galiza decidiu prescindir dos servizos de Gumersindo Cartelle o pasado día 10 alegando causas económicas e organizativas, unha medida que provocou a reacción inmediata non só de boa parte dos traballadores e liberados do sindicato, senón tamén da afiliación –principalmente da “histórica”-, que a consideran un “erro” que revela as contradicións da dirección nacional e unha situación “perigosa” ao interpretala como un primeiro paso para a “privatización do servizo”. Nestes intres, estao a prestar a tempo parcial unha avogada que conta cun bufete privado.

O afectado e os seus defensores confiaban en chegar nas últimas horas a un acordo. A proposta remitida á dirección incluía a readmisión do avogado a “custe cero” para o sindicato. Cartelle é liberado sindical de Navantia Ferrol e ofreceuse a compatibilizar ambos os dous postos, mais a dirección galega non rectifica, polo que se manteñen as medidas de presión e nas vindeiras horas estudaranse outras que aínda non trascenderon. 

Para Cartelle e os seus numerosos apoios, o seu cesamento está estreitamente relacionado co seu respaldo persoal e xurídico aos traballadores de CCOO despedidos nos últimos tempos. Un dos históricos de CCOO, Ángel Porto, criticou nas últimas horas que o sindicato “sacase á rúa a xente en contra da reforma laboral do Partido Popular para logo aplicala en toda a súa dimensión aos seus propios traballadores”. “Estas non son as Comisións Obreiras que queremos”, sinalou.