CCOO Galiza decidiu prescindir dos servizos de Gumersindo Cartelle o pasado día 10 alegando causas económicas e organizativas, unha medida que provocou a reacción inmediata non só de boa parte dos traballadores e liberados do sindicato, senón tamén da afiliación –principalmente da “histórica”-, que a consideran un “erro” que revela as contradicións da dirección nacional e unha situación “perigosa” ao interpretala como un primeiro paso para a “privatización do servizo”. Nestes intres, estao a prestar a tempo parcial unha avogada que conta cun bufete privado.
O afectado e os seus defensores confiaban en chegar nas últimas horas a un acordo. A proposta remitida á dirección incluía a readmisión do avogado a “custe cero” para o sindicato. Cartelle é liberado sindical de Navantia Ferrol e ofreceuse a compatibilizar ambos os dous postos, mais a dirección galega non rectifica, polo que se manteñen as medidas de presión e nas vindeiras horas estudaranse outras que aínda non trascenderon.
Para Cartelle e os seus numerosos apoios, o seu cesamento está estreitamente relacionado co seu respaldo persoal e xurídico aos traballadores de CCOO despedidos nos últimos tempos. Un dos históricos de CCOO, Ángel Porto, criticou nas últimas horas que o sindicato “sacase á rúa a xente en contra da reforma laboral do Partido Popular para logo aplicala en toda a súa dimensión aos seus propios traballadores”. “Estas non son as Comisións Obreiras que queremos”, sinalou.