CIG reclama en Vigo “traballo digno no nosa Terra”

Advirten do risco de que a comarca se converta “nun deserto industrial”

Centos de delagados da CIG tomaron parte en Vigo na primeira das accións do sindicato nacionalista no marco dunha campaña para reclamar traballo digno na comarca: Unha asemblea de delegados e unha manifestación que finalizou diante da sede da Xunta na cidade.

Alberto Gonçalves, de CIG-Vigo, alertou da situación de crise que padece a bisbarra e que ameaza con convertela “nun deserto industrial”. Fronte a isto, reclamou unha verdadeira política industrial que apoie os principais sectores produtivos (naval, automoción, construción, pesca, etc) mediante o fomento da iniciativa pública.

O secretario nacional da CIG-Industria, Xoán Xosé Bouzas, considera especialmente preocupante a situación de crise que padece unha industria estratéxica como é o naval. “O caso de Vigo é gravísimo, xa que se perderon uns 10.000 empregos en nove anos, quedando na actualidade menos de 1000 traballadores/as no sector”.

Suso Seixo, secretario xeral da central nacionalista, fixo especial fincapé no interese da patronal en rematar coa negociación colectiva co obxectivo de individualizar as relacións laborais. “Pretenden centralizar os convenios a nivel estatal para reducir a posibilidade de que poidamos incidir neles e melloralos”. Seixo reivindou a importancia da mobilización social e reivindicou a necesidade de que o noso país conte con plena soberanía.