A concesionaria de recollida de lixo na Coruña suspende de emprego e soldo a traballadores mentres a folga segue

Nova xornada de acumulación de lixo nos contedores da Coruña. (Foto: Europa Press)

A empresa comunicou 29 sancións graves.

A concesionaria do servizo de recollida de lixo da Coruña, Prezero, comunicou 29 sancións graves esta terza feira, día 23, "que supoñen a suspensión de emprego e soldo de seis a dez días en función do número de infraccións cometidas en cada caso". Mentres, segue o lixo acumulado en contedores e ao seu ao redor pola rúas da cidade herculina.

Ademais, iniciáronse "dez novos expedientes disciplinarios por faltas moi graves" e a adxudicataria "segue coa tramitación regulamentaria dos expedientes disciplinarios a tres membros do comité de empresa". Así o confirmaron fontes próximas consultadas por Europa Press.

"A empresa empeza a comunicar sancións que implican suspensións de emprego e soldo por acumulación de infraccións", insistiron.

Estas corresponden a infraccións cometidas desde que empezou a folga, o pasado 24 de xuño, convocada polo Sindicato de Traballadores da Limpeza (STL), organización maioritaria no comité, con motivo de "despedimentos inxustificados", "externalización de servizos" e "incumprimentos" do convenio.

A alcaldesa da Coruña, Inés Rei, informou onte de que xa hai "algunha" empresa interesada en realizar a recollida e transporte de residuos de forma urxente, despois de que se declarara a emerxencia sanitaria polo lixo acumulado nas rúas coa folga no servizo de recollida dos residuos sólidos urbanos na empresa Prezedo. "Ás 10 horas [de hoxe] termina o prazo para a presentación de ofertas e ao longo da mañá analizaranse e procederase ao encargo e a partir de aí inmediatamente terá que prestarse o servizo", explicou a rexedora coruñesa.

Segundo os últimos recontos do Concello, desde o inicio do conflito co servizo actual foron queimados "ao redor de 125 contedores", o que supón un custo aproximado de "375.000 euros".

Por outra parte, o persoal do servizo de recollida de residuos sólidos urbanos da Coruña esixiu onte unha reunión ao Concello para resolver o conflito ao non producirse avances na negociación coa empresa concesionaria, Prezero, e con residuos acumulados nas rúas. Así o manifestou o portavoz do comité de empresa, Alfonso Seijo, tras solicitar esta petición a través do Rexistro Municipal. "Solicitamos por enésima vez unha reunión" con representantes do Consistorio da Coruña, anunciou Seijo.