A conselleira do Mar di non entender “que quere o cerco” e considera que hai intereses en que siga o conflito

Rosa Quintana

Rosa Quintana cre que ''alguén lle mente ao sector, manipulándoo” e ten reiterado que o acordo asinado en Madrid é bon para Galiza. Por iso non entende o rexeitamento da asemblea de Portosín á proposta amparada pola Xunta.

Rosa Quintana non entende “que é o que quere o sector” do cerco. É a resposta da conselleira do Mar á decisión da asemblea de cerqueiros de Portosín de rexeitar o principio de acordo impulsado pola Xunta. Unha decisión na que se combina perplexidade e enfado. A titular do departamento autonómico mesmo advirte aos armadores e mariñeiros do cerco (156 barcos en Galiza, 1.500 empregos directos): “Espero que o martes traian propostas razonábeis, porque se non....”, A terza feira hai unha nova xuntanza entre sector e administración.

O desacordo entre ambas as dúas partes é grande. Éo desde o inicio do conflito, van para alá 3 meses. O ministerio fixou unhas cotas de xarda e xurelo que desde un principio a frota galega cualificou de “insuficientes” e discriminatorias. Mais, apuntan, a Consellaría non se puxo ao seu carón desde o inicio (como si fixo Asturies cos seus cerqueiros) para non contradicer o Ministerio da súa mesma cor, PP.

Rosa Quintana, fraguada nos gobernos de Manuel Fraga á sombra de López Veiga (coñecido no sector do mar como 'O Talibán' ou 'Ollomol') como plenipotenciario conselleiro de Pesca, cre que os cerqueiros galegos están a se mover por intereses escuros, Ou son manipulados. “Digo abertamente que creo que hai alguén interesado en que este sector continúe na rúa e berrando”. E engade que “alguén lle mente ao sector, manipulándoo”.