Delegadas da CIG en Inditex inician un feche na sede central en demanda dunha negociación provincial

Delgadas da CIG en tendas de Inditex iniciaron un feche na sede central da multinacional. (Foto: Nós Diario).
O obxectivo é mantar a acción de oritesta até que a multinacional confirme unha data de reapartura da mesa para tratar as melloras laborais e sociais pendentes.

As delegadas da CIG nas tendas de Inditex da Coruña iniciaron un feche esta sexta feira, ás 11.30 horas, na sede de Inditex en Sabón para reclamar á multinacional que "cumpra o seu compromiso" e reabra a negociación provincial para abordar as "melloras laborais e sociais que quedaron pendentes".

Segundo explicou a central sindical nun comunicado, o obxectivo é permanecer nas instalacións até que a empresa "acceda a negociar" e concrete unha data para "retomar as reunións da mesa".

Negociación na Galiza

As delegadas da CIG, que representan a máis de 70% das dependentas das comarcas da Coruña, queren "facer valer" con esta acción reivindicativa o compromiso trasladado por Inditex o pasado mes de decembro e "defender" o seu dereito para poder negociar as súas condicións de traballo, do mesmo xeito que fan os compañeiros doutras empresas do grupo.

Neste sentido, criticaron a política de Inditex de "afastar e centralizar" as relacións laborais en Madrid e a insistencia nunha "negociación estatal" na que "non se concede nada" para traballadoras como as da Coruña.

Segundo remarca a CIG, o obxectivo é manter a acción de protesta até que a multinacional respecte o seu compromiso e confirme unha data de reapartura da mesa para tratar as melloras laborais e sociais pendentes.