Centos de traballadoras de Inditex manifestáronse na Coruña para esixir "melloras laborais e sociais" como as que "xa teñen" as súas compañeiras doutras empresas do grupo.
A marcha, que estivo encabezada por unha pancarta co lema 'Negociación aquí coas dependentas de Inditex', saíu da praza de Lugo e finalizou en Porta Real.
Durante o percorrido portaron numerosos carteis nos que se puido ler 'A redución por idade para as traballadoras de Inditex non é unha realidade', 'Somos imprescindíbeis, non invisíbeis', 'Non somos niñas somos traballadoras' 'Aquí traballamos, aquí negociamos', ou 'Todos somos Inditex, as dependentas tamén'.
Durante a marcha reclamaron a atención da cidade con chifres e cánticos para gañar unha visibilidade que non teñen dentro do grupo, afirman.
Sen avances
Segundo informou a CIG, a decisión de volver saír á rúa tomouna o propio persoal das tendas ante a "falta de avances" para tratar cuestións tanto do ámbito económico como laboral.
Unha das súas principais reivindicacións é a "recuperación" da cobranza da antigüidade por cada cuadrienio, pero Inditex "négase en rotundo" a negociar "nada relacionado co pago da antigüidade".
Ademais, as traballadoras demandaron que lles apliquen as "melloras sociais" que "xa teñen recoñecidas" compañeiras e compañeiros doutras empresas do grupo.
En Inditex hai unha alta contratación feminina, mais "a empresa segue mantendo as traballadoras en condicións precarias", recoñecen desde a CIG.
As máis precarias
Mentres os homes teñen xornadas completas, as mulleres teñen, maioritariamente, xornadas parciais. Unha diferenza que se aprecia nos salarios, até o punto de que mesmo homes, aínda de categorías inferiores, tamén cobran máis.
Nas tres xuntanzas decorridas até o de agora coa multinacional esta só manifestou a súa disposición a recoñecerlles ás traballadoras con máis de 20 anos de antigüidade e xornadas de 24 horas, unha redución de xornada de 12 horas a partir dos 58 anos de idade.
Esta proposta, resumiu a CIG durante o anuncio da convocatoria da folga, suporía "saír un minuto antes cada día", cando os seus compañeiros, aos 53 anos xa teñen recoñecida unha redución de xornada de 48 horas.
![Dependentas de Inditex maniféstanse na Coruña.](/media/nosdiario/images/2024/04/07/2024040715562417022.jpg)
'Por que somos as únicas coas que non negociades'
Polo que se refire á prima de vinculación, que as dependentas exixen "sen condicións", Inditex ofrece unha para os compañeiros homes que implica cobrar até 600€ máis ao mes, mentres a elas lles ofrece 1.120 euros anuais en 2024; 1.260 en 2025 e 1.400 en 2026 a partir dos 25 anos na empresa que non convence as dependentas xa que "absorbería os conceptos que existen actualmente por antigüidade".
As dependentas urxen igualdade e melloras sociais, negociadas na Galiza, non en Madrid, e que estas sexan trasladadas "a todas e cada unha das compañeiras".