Ferido de gravidade un operario no aeroporto de Alvedro durante a asistencia en terra dun avión

Un avión aterrando no aeroporto coruñés de Alvedro. (Foto: Gustavo de la Paz / Europa Press)
Foi intervido cirurxicamente debido á amputación dun membro inferior e permanece hospitalizado no Chuac.

Un operario resultou ferido no aeroporto de Alvedro, na Coruña, cando participaba nas tarefas de asistencia en terra dunha aeronave. Segundo informaron fontes citadas pola axencia Europa Press, o suceso tivo lugar ás 20 horas deste domingo e o traballador pertence á empresa South Europe Ground Service.

O home, que participaba nas tarefas de atención ao avión, recibiu auxilio médico no lugar dos feitos e, posteriormente, foi trasladado ao hospital. Outras fontes sinalaron que foi intervido cirurxicamente debido á amputación dun membro inferior e que permanece na unidade de reanimación do Chuac con prognóstico grave.

O accidente está baixo investigación da Garda Civil, que se fixo cargo do caso nas últimas horas para tratar de esclarecer os motivos polos que se produciu.