Folga indefinida en Povisa contra os 14 despedimentos anunciados pola empresa

© CIG-Saúde

O paro encetará o 17 de marzo e está apoiado por todas as centrais sindicais con representación no Comité, agás CC.OO.


Foi unha decisión adoptada polo Comité de Empresa, apoiada por todas as centrais sindicais con representación agás CC.OO., que ratificou a asemblea de traballador@s do hospital privado Povisa. A partir do 17 de Marzo dará comezo unha folga con carácter indefinido para rexeitar os 14 despedimentos anunciados pola dirección do centro médico. 

Así, 61 persoas das que compoñen o cadro de persoal de Povisa avalaron a greve, 48 posicionáronse en contra e 33 optaron pola abstención. Ademais do paro indefinido, durante a asemblea tamén se decidiron outras mobilizacións, como a protesta que terá lugar o vindeiro martes 4 de marzo diante dos Xulgados entre as 10.00 e as 12.00 horas para esixir o cumprimento das sentenzas que obrigan o hospital a repoñer a xornada laboral completa.

540€ por doente atendid@ durante 8 anos

O Comité rexeitou un recorte nos dereitos laborais de tod@s @s empregad@s como moeda de troco para non botar ninguén, unha achega da dirección que a presidenta do Comité, María Xesús Neira (CIG), cualificou de "chantaxe". Aliás, informou de que, para alén dos 13 despedimentos xa anunciados, unha enfermeira vén de recibir tamén a notificación do cesamento do seu contrato. 

"O que pretenden é flexibilizar a xornada incumprindo o convenio colectivo", dixo Neira, recordando que a proposta de Povisa era estabelecer mudanzas nas quendas e nos horarios coa conivencia do Sergas, dependente da consellaría de Sanidade. Durante oito anos, o Sergas pagará a esta empresa privada até 540 euros por paciente atendid@. Máis do 75% des@s doent@s son derivadas a Povisa polo propio Sergas.