Medra o paro en agosto en Compostela pese ao incremento de turistas

Rúas de Compostela

Máis visitantes non é sinónimo de creación de emprego nin de crecemento da economía local. Malia ao boom turístico, Santiago de Compostela rexistou no mes de agosto 5.847 persoas desempregadas, 49 máis que en xullo, segundo dads da Xunta. 56% das paradas son mulleres.

A afluencia de visitantes a Compostela provoca un impacto para as persoas residentes que non se traduce en creación de emprego porque servizos, instalacións e comercios se orientan cara a turistas en troca de habitantes que viven de xeito permanente. É o que dan en chamar turistificación.

 

Por sectores, 4.411 das persoas en paro son do sector servizos; 449 da construción; 378 da industria e 84 da agricultura. Destaca tamén a cifra de 525 que non tiveron emprego anterior. A isto hai que lle sumar a precariedade laboral, pois moitos destes negocios instalados na zona vella son estacionais e, polo tanto, despiden o persoal cando fechan durante o inverno.

 

Na Galiza rexistráronse 181.125 persoas desempregadas no mes de agosto, 0,41% menos que no mes de xullo. Así, diminuíu o paro en 746 persoas e asináronse 95.720 novos contratos, o que evidencia a rotación e a precariedade. Segundo dados da CIG, 94% das novas contratacións en agosto foron temporais.

 

Cifras históricas de turismo

 

A estancia media é de 1,6 días por visitante en Compostela. O alcalde Martiño Noriega afirmou estar satisfeito polos dados de turismo "tanto polos do ano pasado como polos deste ano; nunca houbo unhas cifras así na cidade, son cifras históricas que nin se se deron en anos santos".

 

Así, as oficinas de turismo atenderon 164.637 consultas presenciais entre o 1 xaneiro e o 31 de agosto en 2017, fronte ás 148.565 do mesmo período no ano anterior, un indicador de que a tendencia de visitantes é a alza.

 

Porén, "dáse o paradoxo de que, mentres cada ano medra o número de visitantes, redúcese o tempo de estancia, sen lograr rendibilizar axeitadamente a gran capacidade hostaleira da cidade e sen obter maiores beneficios e maiores retornos para a economía local", explicaba días atrás o portavoz popular Agustín Hernández.