A afluencia de visitantes a Compostela provoca un impacto para as persoas residentes que non se traduce en creación de emprego porque servizos, instalacións e comercios se orientan cara a turistas en troca de habitantes que viven de xeito permanente. É o que dan en chamar turistificación.
Por sectores, 4.411 das persoas en paro son do sector servizos; 449 da construción; 378 da industria e 84 da agricultura. Destaca tamén a cifra de 525 que non tiveron emprego anterior. A isto hai que lle sumar a precariedade laboral, pois moitos destes negocios instalados na zona vella son estacionais e, polo tanto, despiden o persoal cando fechan durante o inverno.
Na Galiza rexistráronse 181.125 persoas desempregadas no mes de agosto, 0,41% menos que no mes de xullo. Así, diminuíu o paro en 746 persoas e asináronse 95.720 novos contratos, o que evidencia a rotación e a precariedade. Segundo dados da CIG, 94% das novas contratacións en agosto foron temporais.
Cifras históricas de turismo
A estancia media é de 1,6 días por visitante en Compostela. O alcalde Martiño Noriega afirmou estar satisfeito polos dados de turismo "tanto polos do ano pasado como polos deste ano; nunca houbo unhas cifras así na cidade, son cifras históricas que nin se se deron en anos santos".
Así, as oficinas de turismo atenderon 164.637 consultas presenciais entre o 1 xaneiro e o 31 de agosto en 2017, fronte ás 148.565 do mesmo período no ano anterior, un indicador de que a tendencia de visitantes é a alza.
Porén, "dáse o paradoxo de que, mentres cada ano medra o número de visitantes, redúcese o tempo de estancia, sen lograr rendibilizar axeitadamente a gran capacidade hostaleira da cidade e sen obter maiores beneficios e maiores retornos para a economía local", explicaba días atrás o portavoz popular Agustín Hernández.