O Supremo obriga Monbus a readmitir un traballador que se quixo presentar pola CIG ás eleccións sindicais
O Tribunal Supremo vén de inadmitir o recurso de Tralusa —Grupo Monbus— e declara así firme a sentenza de nulidade por despedimento a un traballador ao que obriga a readmitir de maneira "inmediata", así como a abonar os salarios de tramitación. Este traballador, lembran desde a CIG, foi despedido en febreiro de 2020 pola empresa Freire, que naquel momento tiña a concesión da liña de autobús Santiago-aeroporto, logo de coñecer que ía presentarse como candidato pola central nacionalista ás eleccións sindicais.
Tras varios atrasos no xuízo pola pandemia, cando finalmente saíu a sentenza xa se producira o cambio da concesión, adxudicada agora a Tralusa —a UTE do Grupo Monbus que xestiona o transporte urbano de Santiago— e a quen lle correspondía, por tanto, reincorporar o traballador, segundo explica esta terza feira a CIG nun comunicado de prensa.
"Mais o Grupo Monbus, que se negou a subrogar todos os condutores que viñan prestando este servizo, insistiu en non readmitir tampouco a este traballador despedido e con sentenza de nulidade", advirte. Agora, a sala do social do Tribunal Supremo declara firme a sentenza do xulgado do social 3 de Santiago que obrigaba Tralusa a executar a reincorporación.
A CIG denuncia "presións e ameazas" a este traballador por parte da compañía
Ante a "inminencia" deste veredicto, a CIG denuncia que "nos últimos meses este traballador foi obxecto de presións e ameazas directas de represalias por parte de responsábeis da empresa se non renunciaba á súa militancia na CIG".
Un feito que tacha de "delictuoso e mafioso que vulnera gravemente o dereito de liberdade sindical", en palabras do responsábel da federación de Transporte da CIG, Inácio Pavón. Advirte de que levarán as probas ao xulgado no caso de que o traballador "sufra calquera tipo de acoso ou ben non sexa reincorporado de inmediato".
"Esgotados os recursos, Monbus está obrigada a readmitilo na liña do aeroporto e a pagarlle os salarios de trámite do tempo transcorrido", segundo conclúe. Na licitación do novo contrato do transporte urbano, aberta pero paralizada por impugnación, Monbus non incluíu a este traballador na listaxe de persoas subrogábeis.