Persoal das ITV galegas convoca folga todos os sábados de agosto tras case un ano de negociación do convenio

Estación de ITV no polígono da Sionlla. (S&C Galiza)
"Os membros da mesa negociadora, composta polos sindicatos CIG, CSIF, UXT e CCOO, non ven unha posíbel saída ás propostas da empresa, que se atopan en universos distintos e non recollen as demandas e necesidades do persoal, nunha empresa con beneficios millonarios", criticaron fontes sindicais.

Traballadores e traballadoras das ITV galegas convocaron catro xornadas de folga, que levarán a cabo todos os sábados do mes de agosto, tras levar case un ano de negociacións para aprobar un novo convenio colectivo.

Nun comunicado, fontes do comité de empresa anunciaron que empregados e empregadas das estacións de ITV da Galiza, xestionadas polo grupo Applus, decidiron programar paros "en protesta polo desacordo nas negociacións do seu convenio de empresa".

"Os membros da mesa negociadora, composta polos sindicatos CIG, CSIF, UXT e CCOO, non ven unha posíbel saída ás propostas da empresa, que se atopan en universos distintos e non recollen as demandas e necesidades do persoal, nunha empresa con beneficios millonarios", criticaron.

O "cansazo" da parte social incrementouse "mes tras mes", ao non poder ver "ningunha proposta que colme as súas inquietudes", polo que acusaron á empresa de "retorcer as súas propostas sen achegar nada novo" e "manter a perda de poder adquisitivo dunhas subas por baixo do IPC soportado".

Por todo iso, representantes sindicais e persoal traballador das ITV galegas concentráronse o pasado 30 de xullo ante o Parlamento da Galiza para reivindicar un incremento salarial e unha redución da súa xornada de seis días.

Inacción da empresa

"Tras a inacción da empresa, os delegados e delegadas de persoal e os comités de empresa da Coruña, Pontevedra, Ourense e Lugo convocaron catro xornadas de folga para este mes de agosto, os días 10, 17, 24 e 31 en todas as estacións ITV de SyC, filial de Applus e dona da concesión administrativa para a explotación na Galiza das estacións ITV", sentenciaron.