O sector marisqueiro da ría do Burgo non descarta a vía xudicial para exixir ás Administracións o pagamento de axudas

Mobilización da Confraría de Pescadores da Coruña ante a Subdelegación do Goberno español na Galiza (Foto: Confraría de Pescadores da Coruña).
O sector marisqueiro da Confraría de Pescadores da Coruña mobilizouse de novo esta cuarta feira ante a Delegación do Goberno español na Galiza para exixir ao Executivo estatal e á Xunta da Galiza que se senten a negociar.

O sector marisqueiro da Confraría de Pescadores da Coruña mobilizouse de novo esta cuarta feira ante a Delegación do Goberno español na Galiza para exixir ao Executivo estatal e á Xunta da Galiza que se senten a negociar co colectivo para "dar unha solución" ás 74 familias que vivían do marisqueo na ría do Burgo e que "están a quedar na miseria" unha vez finalizadas as obras de dragaxe.

Advirten, ademais, de que non descartan a vía xudicial. "Se administrativamente nos ignoran e non queren facer caso temos a vía xudicial aberta", asegurou o portavoz do colectivo, Manuel Baldomir, para apuntar que xa se puxeron en contacto con "asesores".

"Informáronnos de que coa documentación que temos é imposíbel que un xuíz non nos dea a razón", destacou. Con todo, Baldomir lamentou que este proceso "tardaría anos" e "obrigaría aos traballadores a meterse en gastos xurídicos".

Con todo, recalcou que teñen "a esperanza de que si haxa un acordo" debido a que "as dúas Administracións recoñecen o problema e din que hai que dar unha solución". "Queremos tentar chegar a acordos de maneira pacífica e vía administrativa", engadiu.

Próxima reunión

Baldomir avanzou que esta sexta feira, día 12 de xullo , ás 12 horas, está convocada unha reunión con representantes dos Gobernos estatal e galego. "Por parte das Administracións ningunha nos comunicou nada, non sabemos se están a manter unha negociación entre elas", sinalou.

O portavoz do colectivo marisqueiro tamén lembrou que levan "desde agosto do ano pasado tentando negociar tanto co Ministerio [para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico] como coa Xunta". "Sempre fixeron oídos xordos", criticou o representante do sector.

"Non se poden pór de perfil e deixar todo no aire cando 74 familias que viviamos do marisqueo están a quedar na miseria", sinalou. Neste sentido, até que creza a cría, unha vez finalizadas as obras de dragaxe e acometida botada a semente, e poidan volver a traballar nos bancos marisqueiros, pasarán "entre 18 e 24 meses".