Seguimento masivo na Galiza da cuarta greve de 2016 nos centros de chamadas

Manifestación de Vigo. Imaxe: CIG

A CIG cifra nun 80% o persoal que tomou parte no protesto. En Vigo e A Coruña centos de empregados participaron nas manifestacións para demandar un convenio colectivo xusto.

Os traballadores do sector dos centros de chamadas de Galiza, por volta de 8.000, non fraquean. Con tres greves ao lombo e varias xornadas de paros parciais, volveron este 28 de novembro apoiar masivamente a nova greve por un convenio xusto, a cuarta que se convocaba no que vai de 2016. Laura Pérez, da CIG, cifrou nas primeiras estimacións nun 80% o seguimento da convocatoria. Unha porcentaxe que amosa o compromiso dos traballadores.

O sector protagonizou en Galiza neste ano catro greves: 5 de abril, 11 de xullo, 6 de outubro e 28 de novembro

Nesta xornada había convocadas concentracións en Ourense e Lugo, así como manifestacións na Coruña e Vigo. Na cidade olívica, centos de persoas tomaron parte na mobilización, na que se reivindicou un convenio “digno e galego”. Con esta xornada de protesto, que decorre a nivel de todo o Estado, rexéitase a pretensión da patronal de subir un exíguo 1% os salarios, así como os recortes en horas médicas e maior dificultade para conciliar vida persoal e laboral.

Desde a CIG, sindicato máis representativo do sector en Galiza, incídese en que “non se pode considerar a estas alturas o sector de Contact Center como actividade en vías de consolidación”, reivinbdicando que o persoal debe ter contratos fixos, ficando os temporais para “casuísticas moi determinadas”. A respecto dos contratos de obra e servizo “deberían limitarse a novas campañas con duración igual ou inferior a seis meses”, eliminándose, asemade, os contratos formativos, “que non teñen ningún tipo de xustificación no sector”.

“Tomadura de pelo”

A proposta de suba salarial dun escaso 1% supón, para a central nacionalista, unha “auténtica tomadura de pelo”, tendo en conta que as subas do IPC desde a aprobación do anterior convenio “esixirían un mínimo do 8%” para uns salarios que rara vez chegan a mileuristas”. A plataforma que defende a CIG propón, de feito, unha suba liñal de 540 euros para que os salarios manteñan o poder adquisitivo, así como incluir un complemento de quinquenio correspondente a 50 euros.