Segundo accidente laboral mortal en 24 horas: morre outro traballador en Pontevedra por unha caída de altura

Ambulancia do 061. (Foto: Nós Diario)
Esta terza feira outro operario faleceu en Compostela en circunstancias moi semellantes.

Despois do falecemento dun operario que caeu desde unha altura de 10 metros esta terza feira nunha nave de Santiago de Compostela, na mañá desta cuarta, á mesma hora, uns minutos antes das 9h, outro operario perdeu a vida tras caer dunha altura moi pronunciada: uns 20 metros.

Ocorreu nunha nave situada no lugar de Pazos, en Marcón, no concello de Pontevedra. O traballador, precisan desde a central de emerxencias do 112-Galiza, pertence a unha empresa de reformas e servizos e quedou tendido no chan após caer desde esa altura cando estaba traballando.

O aviso chegou ao 112 da man do persoal de Urxencias Sanitarias da Galiza-061, que tiña en marcha unha dotación para intentar salvar a vida da vítima, mais todos os esforzos resultaron "inútiles" neste caso, sinalan as mesmas fontes.

Co fin de recoller toda a información sobre o suceso e intentar esclarecer as causas deste segundo accidente laboral mortal en 24 horas no país, desde o 112-Galiza pediuse a colaboración da Policía Nacional e a Local.