Sindicatos cren que "os peores datos están por chegar" e advirten do "empobrecemento xeneralizado" da clase traballadora

Oficina de emprego de Santiago de Compostela. (Foto: Arxina)
CIG, UXT, CCOO e colectivos de persoas autónomas alertan do "peor comportamento" do desemprego na Galiza que no resto do Estado español.

Os sindicatos avisan de que "os peores datos" en relación ao mercado de traballo "están por chegar", polo que urxen "verdadeiras políticas activas de emprego" e reclaman á clase gobernante "responsabilidade fiscal". Pola súa parte, as e os autónomos ven "tinguiduras dramáticas" na evolución do desemprego, mentres empresarios constatan a "desaceleración" ante a "enorme incerteza".

Por unha parte, o secretario de emprego da CIG, Francisco González Sío, relaciona as cifras de setembro coa "falta de políticas públicas efectivas para paliar a crise que golpea de cheo a clase traballadora". "Esta ausencia de medidas implica que afrontamos o cuarto trimestre do ano nunha situación peor cando en teoría os peores datos aínda están por chegar", alerta.

Neste senso, pon o foco no "empobrecemento xeneralizado" da clase traballadora polos "baixos salarios" e a inflación. Aliás, apunta ao "problema" xerado pola paralización da negociación colectiva.

Namentres, UXT sinala o "peor comportamento" do paro na Galiza e á "difícil situación" das persoas desempregadas, xa que "máis da metade perciben prestacións non contributivas". "Agora que se xera emprego de calidade, a prioridade é acabar co desemprego", sentencia, após indicar que houbo un "moi bo dato" de contratación indefinida, de 35,5%.

Cos orzamentos "ás portas", esta organización considera que "urxe dotar os servizos públicos de emprego de recursos e impulsar verdadeiras políticas activas de emprego".

CCOO, noutra orde de asuntos, lamenta os "malos datos" de setembro e insta á "responsabilidade fiscal" da Xunta. Aliás, entende que "é o momento de aumentar os salarios para que a clase traballadora poida facer fronte á situación" e pide "arrimar o ombreiro" aos que máis teñen.

Autónomos e empresarios

Para Eduardo Abad, presidente de UPTA España, "o pequeno comercio non resiste" e é preciso "adoptar medidas urxentes para paliar a crítica situación". "Ou as administracións interveñen ou non se poderá frear o desastre e miles de autónomos quedarán na ruína", asegura. A evolución do emprego autónomo na Galiza adquire "tinguiduras dramáticas", segundo a federación de autónomos do país.

Por último, empresarios de Ourense constatan que "o mercado laboral comeza a dar signos de desaceleración nun contexto de enorme incerteza, con tres meses seguidos á alza, o que está a frear o emprego mentres as empresas se esforzan por recuperar a normalidade, pero ven a súa capacidade de contratación mermada nun escenario sacudido pola crise enerxética, alza nos prezos de subministros e os problemas derivados do conflito bélico [en Ucraína]".