Os sindicatos alertan da falta de prevención das empresas ante a calor destes dias

Persoal traballando na obra da Intermodal de Santiago, esta terza feira ás 16 horas (Foto: Riobó Prada).
A repercusión das altas temperaturas na contorna laboral preocupa aos sindicatos. Advirten de que a percepción empresarial trata estes episodios climáticos como "algo puntual", sen adoptaren medidas serias para evitar malas consecuencias. No caso do agro, ademais de horarios, a solución é adaptar a maquinaria.

As altas temperaturas que se viven nos últimos días na Galiza -con valores que superan nalgunhas zonas os 37ºC- trouxeron, outro ano máis, a alerta no mundo laboral, sobre todo nalgúns sectores. Os ámbitos máis evidentes teñen que ver con actividades que se realizan no exterior (construción, agricultura, gandaría, silvicultura e xardinaría, entre outros) mais tamén aqueles con calor radiante (fundicións, panadarías, fábricas de ladrillos e cerámica ou salas de caldeiras e cociñas son algúns dos exemplos). 

Os sindicatos recoñecen o “impacto” na negociación colectiva que tivo o Real Decreto impulsado polo Ministerio de Traballo en 2023 sobre esta cuestión, mais observan que hai dificultades para que se aplique en todas as empresas. En opinión do responsábel de Negociación Colectiva da CIG, Francisco González Sío, “é un tema complexo e cada vez terá máis relevancia no mundo laboral”. 

Este sindicalista asegura a Nós Diario que o problema segue mesmo en interiores. “En xeral as fábricas non están acondicionadas para o clima, no inverno hai frío e no verán excesiva calor”, percibe González Sío, “faltan protocolos e as empresas son reticentes a aplicalos cando os hai”, engade.

Os principais puntos de fricción, segundo o sindicato nacionalista, atópanse “en adaptar os horarios e as quendas ao momento do día en que as temperaturas son menos fortes”. Ante esta situación, a saída que observan é optar pola denuncia ante a Inspección de Traballo. "De forma previa, sempre tratamos de que as empresas, se non poder adaptar as súas instalacións, muden os horarios", aclara González Sío.

Desde CCOO, o seu responsábel de saúde laboral, Armando Iglesias, constata que as empresas dos sectores nos que máis incidencia hai da calor no seu persoal “seguen pensando que a calor aquí non nos afecta, cren que é algo puntual e custa chegar a acordos e o que queren só é producir”. Acontece no sector naval, como denunciou esta semana o sindicato, mais Iglesias tamén alerta de condicións non óptimas nas obras públicas e nun ámbito cada ves máis amplo: o do reparto a domicilio en bicicleta ou moto. “As melloras que se realizan non rebaixan o problema, seguen os ritmos de traballo elevados e a presión que hai provocan graves consecuencias na saúde”, asegura o sindicalista de CCOO. 

Situación no sector do metal e no da construción

"O sector do metal na Galiza, por norma, non ten as naves industriais acondicionadas para o persoal que traballa, por exemplo, en caldeiraría ou soldadura", indica González Sío. Neste "paquete", para este sindicalista, entrarían tamén "as empresas da automoción que teñen ambientes que superan os 30ºC". 

Neste ámbito, a sección de Industria de CCOO en Vigo denunciaba esta pasada segunda feira o "risco inminente de mortes e desmaios" no sector naval polas altas temperaturas, polo que pediu medidas respecto diso. 

Outro ámbito que sofre cada ano coas altas temperaturas é o da construción. O secretario nacional da CIG deste sector, Plácido Valencia, anuncia a Nós Diario que "en agosto pensamos presentar un informe de situación, da mesma maneira que fixemos o ano pasado". A intención segue a ser "instaurar a xornada de verán, con horario continuo, en toda a Galiza e que non só se aplique na provincia de Pontevedra". 

Considera que, de non facelo, "empresas e persoal asumen un risco grande ante as altas temperaturas que temos". Recoñece que, na construción, moitas compañías decidiron "comezar máis cedo a xornada laboral", con todo asegura que "a nosa reivindicación de melloras segue activa, sobre todo nas zonas onde máis prexudica a calor, como por exemplo Ourense".

A agricultura

No sector primario, onde o traballo exterior esta máis presente, a situación de altas temperaturas afecta máis no interior galego, sobre todo en comarcas como a da Limia. Nela traballa Marcos Nogueiras, vogal no Consello Regulador da IXP Pataca da Galiza representando á Federación Rural Galega (Fruga). Explica a Nós Diario que boa parte do sector traballa por conta propia nun ámbito onde os cultivos “mandan”. Por este motivo, no caso de apañar as patacas adiántase a primeira hora, “coincidindo co mellor momento para facelo e evitar que podreza”.

O caso contrario, como produto, son as cebolas, “que precisan que as apañes con calor”. En todo caso, quen traballa no agro, recoñece, “procura hidratarse e tenta contar con maquinaria adaptada, se é posíbel, como é ter tractores con aire condicionado”. En relación ás grandes cooperativas e empresas agrícolas, Nogueiras non ten constancia de problemas co persoal que se contrata, “vailles no resultado da produción final”, admite.

Desde o Desde o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL), o seu responsábel na zona do Ribeiro, Bernardo Estévez, engade ao "obrigado cambio horario polo día" pola calor, "unha humidade pola noite de entre 75% e 85%". Con estes rexistros na zona, admite, "mesmo non descansas para poder seguir traballando ao día seguinte pola mañá".

A responsabilidade empresarial

A Xunta editou en 2023 un díptico no que indicaba que as empresas, en casos de altas temperaturas, teñen o deber de "informar e adestrar o persoal traballador para que identifique os primeiros síntomas de sobrecarga por calor" ademais de "informar sobre a importancia da aclimatación e coidar que se faga correctamente".

Alén diso, as empresas deben "habilitar lugares frescos para os descansos necesarios" e "proporcionar auga fresca perto do traballo".

Por último, entre outros deberes, sinalan que teñen que "modificar procesos de traballo para eliminar ou reducir a emisión de calor e humidade e o esforzo físico", así como "favorecer a ventilación natural nos interiores, usar ventiladores ou instalar sistemas de climatización".