Opinión

A ofrenda ao Apóstolo

Todo en orde, foi o acertado e irónico comentario que o ex alcalde de Compostela, Martiño Noriega, fixo o ano pasado cando se restaurou a ofrenda ao apóstolo. Daquela a ofrenda tivo lugar coa parafernalia correspondente: parada militar, exhibición de autoridades, ofrenda por parte do alcalde Bugallo, reposta por parte do arcebispo Barrio. Si; todo en orde.

A xente de Irimia bebemos dunha orde diferente.

Se, ao presentares a túa ofrenda no altar, te acordas entón de que o teu irmán ten queixas contra ti, deixa a ofrenda alí mesmo diante do altar. Vaite primeiro reconciliar co teu irmán; logo volve a presentar a túa ofrenda. Iso di Xesús no evanxeo de San Mateo.

Ao pensar, por que non, nas persoas, do noso contorno en situación irregular, “sen papeis”, maiormente persoas migrantes, atrónanme os ouvidos escoitando as súas queixas. Nesta “nova normalidade” case nada está en orde para elas; case nada está “en orde”. Vexamos:

Non está en orde o Dereito á Saúde, nin incluso os temas de atención sanitaria a menores, as facturacións, as altas hospitalarias e non terapéuticas.

Non están en orde os Dereitos Económicos: o dereito ao traballo e á non  explotación laboral, o dereito a dispor dunha conta bancaria, o dereito a unha renda básica digna, as tarxetas de bonificacións de autobús.

Non están en orde os Dereitos Sociais, o acceso a prestacións sociais (IMV, Risga, Ingreso Mínimo, Bono Coidado, Bono alimentación…).

Non está en orde o Dereito a unha vivenda digna: o acceso a axudas públicas, á promoción de vivenda social. O dereito ao control dos abusos nos alugueiros e ao rexeitamento dos desafiuzamentos.

Non está en orde o Dereito á educación, ao acceso a escolas infantís, de idiomas, as bolsas de estudo.

Non está en orde o Dereito á igualdade de xénero: o dereito á non ser vítimas do machismo nin sufrir a dobre discriminación das persoas migrantes. O Dereito a evitar as situacións específicas de explotacións: emprego doméstico, vítimas de trata, prostitución forzada.

Non está en orde o Dereito á seguridade, á non persecución policial e ao tratamento como delincuentes das persoas racializadas. O Dereito a non ser vítimas dos racismos nas súas diferentes formas.

Non están en orde os dereitos administrativos: os prazos administrativos e as solicitudes a través de internet en temas de asilo e autorizacións. A necesidade de achegar empadroamento nas solicitudes de asilo, os dereitos das persoas familiares de residentes comunitarias, os trámites relativos á nacionalidade española, e os dereitos en materia de estranxeiría (citas, prazos de resolución, requirimentos de documentación, renovación de arraigos).

Non están en orde os dereitos culturais e de ocio: o acceso a actividades e equipos deportivos das persoas menores, a admisión en locais de ocio, o respecto á diversidade cultural.

Non están en orde os Dereitos Políticos: o dereito á participación democrática en condicións de igualdade. O dereito aos recursos das Administracións públicas para este colectivo e a inexistencia de políticas públicas eficientes.

Cantos non-dereitos! Cantas queixas! O expresado non é ficción literaria. Non son de escritos, papeis. É a realidade de persoas no medio de nós que  se queixan porque sofren inxustamente. De persoas coas que habería que reconciliarse antes de facer ofrenda a calquera santo por parte de autoridades civís, con recepción da autoridade eclesiástica nun altar cristiá: Que sinxelo!

Así pensamos as irimegas e os irimegos. Hai xente que non ten a nosa mesma visión. Hai xente que si a ten. Nós pensamos que é a de Xesús de Nazaret, a daquel que unha vez orou así: Bendito sexas, Pai, porque lle escondiches estas cousas aos sabios e prudentes, e llelas revelaches á xente humilde.

Sempre coas de abaixo.

Comentarios