Opinión

Señores contra cidadáns

A recuperación non é como nola andan contando. E moito peor. Que non lle enganen

(O ensaísta Antón Losada acaba de tirar do prelo o seu libro Los Ricos Vamos Ganando, editado por Deusto. Este artigo vai precisamente diso, de que na guerra de clases os ricos van por diante)

A recuperación non é como nola andan contando. É moito peor. Que non lle enganen. Nin vivimos unha etapa transitoria que nos acabará devolvendo ós felices anos da burbulla e o benestar, pero sen burbulla e cun benestar "que nos podíamos permitir", nin avanzamos imparables cara á un mundo global e sen fronteiras onde cada un de nós poda chegar a ser o que queira ser, onde o ceo sexa o único limite e sexamos tan innovadores e competitivos que non saberemos que facer con tanta prosperidade e riqueza como imos crear. 

O presente de precariedade, desigualdade e explotación política, fiscal e laboral da minoría propietaria da riqueza sobre a maioria desposuída dela é o todo o que hai. Non hai nada máis. Esta é a final da viaxe que nos fixeron emprender empregando a crise como coartada. Cando a recuperación acabe xa non viviremos no vello e depauperado soño da sociedade do benestar que fai nada nos parecía tan imperfecta, tan inxenua e tan inxusta. Viviremos na renacida, relexitimada e moi sostible realidade dunha sociedade de propietarios onde ou tes ou non es. 

 Viviremos na renacida, relexitimada e moi sostible realidade dunha sociedade de propietarios onde ou tes ou non es

A estación de destino é esta España de conformación neofeudal que se vai debuxando de xeito máis nítido con cada lei, recorte e reforma que aproba o goberno Rajoy. Nesta España neofeudal mandan os señores e pagan os cidadáns. Os propietarios da riqueza exercen un poder xerárquico e vertical. A sociedade non só volve a organizarse de xeito piramidal, senón que se considera desexable que así sexa porque na sociedade neofeudal a igualdade produce pobreza e mediocridade e a desigualdade xera riqueza e excelencia. 

A vella idea democrática do goberno dos mellores é substituída pola idea do goberno dos máis ricos, porque só os máis ricos poden ser os mellores e quen realmente deben tomar as decisións. Que os mesmos que gobernan os bancos ou as grandes corporaciones sexan quen ocupen os gobernos e os ministerios xa non representa un problema, nin supón un risco. Agora é o mellor porque eles, tecnocracias e plutócratas con mundo, patrimonio e preparación, si que saben o que nos xogamos, eles si que saben o que hai que facer e eles si que coñecen as consecuencias das nosas decisións. Non esa maioria que nin sabe, nin entiende, ni coñece o que realmente nos xogamos todos. 

Na nova orde neofeudal, as relacións laborais deixan de rexerse por contratos e mutan en relacións de dependencia e neovasalaxe entre un patrón propietario do emprego e un traballador desposuído de dereitos e disciplinado pola precariedade. Os dereitos deixan de asociarse á condición de cidadán para vincularse de maneira excluínte á condición de propietario. O cidadán que pretenda exercer os seus dereitos políticos, económicos e sociais deberá afacerse primeiro a pedir permiso ós señores, despois deberá comprometerse a exercerlos dentro dos límites que lle fixen e finalmente deberá pagar por facelo. 

O Estado e a intervención pública xa non se lexitiman pola súa capacidade para crear e redistribuir a riqueza e as oportunidades, aínda que sexa mínimamente. Só lles lexitima servir para garantir a acumulación da riqueza. A única redistribución que se admite é a redistribución cara arriba, a drenaxe fiscal dos propietarios sobre as clases media e baixa. A mesma drenaxe fiscal que fixo que de cada tres euros de suba fiscal no goberno Rajoy, dous recaeran sobre o consumo e as rendas de traballo e que de cara tres euros que agora se van rebaixar, dous vaian directamente ó peto dos rentistas e as grandes corporacións. 

As relacións laborais deixan de rexerse por contratos e mutan en relacións de dependencia e neovasalaxe entre un patrón propietario do emprego e un traballado desposuído de dereitos e disciplinado pola precariedade

A boa nova é que non ten por que ser así. Nin esta bolsa de emprego precario e miserable que se subasta a diario en España é o único emprego que se pode crear, nin a desigualdade ten por que ser o motor do crecimiento, nin hai que escoller entre crecemento e benestar, nin temos que renunciar a un Estado do Benestar que podemos permitirnos simplemente con que deixásemos de ser un paraíso fiscal onde a posesión da riqueza non esta gravada fiscalmente, as grandes empresas ou grandes patrimonios cotizan por debaixo do 10% e ser defraudador, branquear e eludir as obrigas fiscais é recompensado periodicamente cunha vantaxosa amnistía. 

Warren Buffet dixo un día que Estados Unidos non podían funcionar mentes el pagara mais impostos que a súa secretaria. Nótase que viaxa pouco. Se viñera para España aínda pagaría menos. O reto que temos por diante non é só unha economía que temos que amañar. É unha sociedade mellor que unha vez quixemos construír e agora debemos recuperar. 

Comentarios