En 2006 Feijóo si militaba no PP

Devezo por ver como requinta as respostas evasivas Feijóo ante as novas revelacións de imprensa.

Devezo por ver como Feijóo refina as respostas evasivas perante as últimas revelacións da imprensa. Xa non pode argumentar que en 2006 non militaba no PP. De feito era o presidente do PP de Galiza.

En 2006, o PPdeG enviou á dirección española do partido un informe cuxa autenticidade ten sido confirmada por ex dirixentes conservadores -segundo a información publicada por El País-. Nese informe aparecen doazóns irregulares por valor de 2 millóns de euros. A empresas que logo apañaron contratos da Administración galega.

Talvez en 2006 Feijóo xa cortara toda relación telefónica con Marcial Dorado, mais o que é seguro é que en 2006 Feijóo o era todo no Partido Popular galego. En termos políticos, de existir ese informe en que se agachaban doazóns opacas, el é quen incorre nas maiores responsabilidades. Non ten detrás de quen agocharse.

Con independencia de quen estea detrás deste novo proxectil a Monte Pío, podemos especular con que Esperanza-Aznar son as mans que moven o berce, aquí e en Madrid cheira podre de máis. Feijóo ten de ir ao Parlamento a dar explicacións, Rajoy tamén.

Que versión escapista dará Feijóo? A Bárcenas -xerente elevado a tesoureiro por Rajoy- chamoulle "ese tío". Que epíteto reservará agora para o ex xerente do PP galego, Modesto Fernández? Procurará un bode expiatorio? Entregará algunha cabeza? Negará todo?

Feijóo ten un problema: ninguén pode fuxir de si proprio toda a vida. Ningún cinto mediático é suficiente como para safares eternamente. E os actos sempre teñen consecuencias.