Devezo por ver como Feijóo refina as respostas evasivas perante as últimas revelacións da imprensa. Xa non pode argumentar que en 2006 non militaba no PP. De feito era o presidente do PP de Galiza.
En 2006, o PPdeG enviou á dirección española do partido un informe cuxa autenticidade ten sido confirmada por ex dirixentes conservadores -segundo a información publicada por El País-. Nese informe aparecen doazóns irregulares por valor de 2 millóns de euros. A empresas que logo apañaron contratos da Administración galega.
Talvez en 2006 Feijóo xa cortara toda relación telefónica con Marcial Dorado, mais o que é seguro é que en 2006 Feijóo o era todo no Partido Popular galego. En termos políticos, de existir ese informe en que se agachaban doazóns opacas, el é quen incorre nas maiores responsabilidades. Non ten detrás de quen agocharse.
Con independencia de quen estea detrás deste novo proxectil a Monte Pío, podemos especular con que Esperanza-Aznar son as mans que moven o berce, aquí e en Madrid cheira podre de máis. Feijóo ten de ir ao Parlamento a dar explicacións, Rajoy tamén.
Que versión escapista dará Feijóo? A Bárcenas -xerente elevado a tesoureiro por Rajoy- chamoulle "ese tío". Que epíteto reservará agora para o ex xerente do PP galego, Modesto Fernández? Procurará un bode expiatorio? Entregará algunha cabeza? Negará todo?
Feijóo ten un problema: ninguén pode fuxir de si proprio toda a vida. Ningún cinto mediático é suficiente como para safares eternamente. E os actos sempre teñen consecuencias.