Feijóo non era Feijóo en 1995

Feijóo non militaba no Partido Popular cando Crespo traballaba para Bárcenas. Decorridos os anos, Feijóo, xa co carnet do PP no peto, baptizou a Bárcenas como "ese tío", que é unha forma como de o afastar, de o allear, como se unha interpelación despectiva fose abondo para anular unha persoa. Mas ese tío non era calquer tío.

Feijóo non militaba no Partido Popular cando Crespo traballaba para Bárcenas.

Decorridos os anos, Feijóo, xa co carnet do PP no peto, baptizou a Bárcenas como "ese tío", que é unha forma como de o afastar, de o allear, como se unha interpelación despectiva fose abondo para anular unha persoa. Mas ese tío non era calquer tío. Foi promovido a contábel nacional do partido por Manuel Fraga, que si militaba no partido cando Feijóo non (de feito, fundou o partido). E non acabou aí o ascenso dese tío. Gaveou até chegar a tesoureiro nacional. Quen lle deu o empurrón foi Mariano Rajoy (que tamén militaba no partido cando Feijóo non, etc).

Agora El País desvela unhas fotografías tomadas en 1995, con Feijóo no iate dun connotado contrabandista. Feijóo -que sempre tende ao escaqueo- alega que a fotografía é de hai dúas décadas, o cal é tanto como dicer que Feijóo non era Feijóo en 1995, aos 34 anos aínda non estaba feito o agora campión da austeridade. Feijóo di que non sabía quen era ese Dorado, ou sexa, a que se dedicaba. Non me refiro a este Feijóo, senón ao de 1995 polo cal fala este, o que agora é presidente.  O presidente do PP de Galiza e da Xunta abraza aquí as teses de Borges -o autor favorito do seu haxiógrafo particular, o señor Caneiro- segundo as cais non existe a continuidade do Eu, nunca somos a mesma persoa. Segundo esta liña de argumentación, o Feijóo de 1995 non era o Feijóo que agora, dúas décadas despois, aspira a suceder a Rajoy, en confronto coa lideresa, que, mentres, entre bambalinas, se desorina, disimulando.