Opinión

Kolchak e os ianquis

A invasión imperialista contra Rusia durou 2 anos. O soviético Yuri Poliakov recordaba aquel 09 de marzo de 1918 no que “200 soldados ingleses descenderon do “Glory” e marcharon en formación ata a cidade. O redobre de tambor e o ruído pesado das botas anunciaron a intervención armada contra o noso país”.

Na Conferencia de París, Xaneiro de 1919, os imperialistas comezaron a repartirse a “República dos soviets”, convencidos de estar ante un país en descomposición. No que respecta aos americanos, se ben na rexión norte subordináronse ao mando inglés; no Leste, foron enviados os rexementos 27º e 31º despregados en Filipinas, así como o envío de efectivos dende EE.UU. ata facer un total de 9.000 soldados (moi por debaixo dos 70.000 despregados por Xapón).

Os EE.UU. actuaban por libre. Foron os primeiros en recoñecer o Governo provisional de marzo de 1917, antes da Revolución de Outubro, e seguiron apoiando á contrarrevolución “democrática” dos mencheviques e eseristas de Kerenski, contravindo o acordado na Conferencia de París. Un cambio de postura que coincidiría coa perda do grupo de Kerenski da  cidade de Omsk en favor de Kolchak. 

Mais os americanos a cambio de costear as tropas de Kolchak, conseguiron que este se comprometera a garantir a exclusividade do porto de Vladivostok e do tren transiberiano. Ao malestar do Xapón, uniuse o do resto das potencias. Ata o propio Kolchak receaba dos americanos. “Os dados existentes permiten deducir que a meta da política estadounidense é conquistar o noso mercado no Leste, desprazando ao mesmo tempo a influencia económica de Xapón. Cabe supoñer igualmente que pensan aproveitar as riquezas naturais, principalmente de Siberia, mediante a obtención de concesións vantaxosas e privilexios rezaba nun parte do 28 de Abril de 1919 do cuartel xeral do exército de Kolchak.

Ante os golpes asestados polo Exército Vermello, as posibilidades dos ianquis redúcense. Nun cable do 23/12/1919 o Secretario de Estado americano recoñecía que “O Exército bolchevique avanza cara o Leste achegándose a posición onde se atopan as nosas tropas. O contacto con eles pode supoñer o comezo de hostilidades e novas complicacións”. O 1 e 2 de Abril de 1920 os últimos soldados americanos abandonan Vladivostok.

Toda esta intromisión nos asuntos internos do pobo soviético foi acompañada de asasinatos e encarceramentos de activistas dos Soviets e maltrato á poboación civil. Entre Agosto de 1918 e Agosto de 1919 na rexión norte de Rusia, o 17% da poboación permaneceu en campos de concentración e mais de 38 mil individuos pasaron pola cárcere de Arjénguesk. No Leste aínda son recoñecidos o incendio e bombardeo de aldeas enteiras pola artillería. O xeneral Graves, xefe das forzas de ocupación americanas en Siberia recoñecería que “as atrocidades eran de tal natureza que indubidabelmente serán recordadas por este pobo”.

Comentarios