Opinión

Lecturas de verán

Non por lixeiras senón porque o verán é o tempo dos calafríos. Refírome ao novo libro de Al Gore, o vicepresidente de Clinton: The Future. Six Drivers of Global Change. Non me imaxinaba eu lendo a Al Gore pero a feliz recomendación dun amigo levoume a el. Aínda así contaba con saltar dun lugar común noutro arredor do “ecoloxismo de estado”. Palla haina, pero tamén metralla.

Non por lixeiras senón porque o verán é o tempo dos calafríos. Refírome ao novo libro de Al Gore, o vicepresidente de Clinton: The Future. Six Drivers of Global Change. Non me imaxinaba eu lendo a Al Gore pero a feliz recomendación dun amigo levoume a el. Aínda así contaba con saltar dun lugar común noutro arredor do “ecoloxismo de estado”. Palla haina, pero tamén metralla.

"En 2012 o Tribunal Supremo regulou o dereito policial a cachear espidos aos infractores, incluíndo a inspección de orificios corporais, para persoas sospeitosas de, por exemplo, non pagar un ticket de aparcamento ou por montar nunha bicicleta co timbre en malas condicións".

O libro está inzado de microhistorias e estatísticas, por exemplo sobre as desigualdades económicas en América, ou onde sexa. Por mencionar algunha cun ángulo distinto do habitual, a de que os tres fillos e unha nora do propietario da cadea de hipermercados Walmart, amorean tanta riqueza coma o 30% da poboación americana máis pobre. Os fillos e a nora son catro. O 30% de estadounidenses son case cen millóns de persoas.

Outra historia, que parece un chiste, sobre a “Terra da Liberdade”, é a de que en 2012 o Tribunal Supremo regulou o dereito policial a cachear espidos aos infractores, incluíndo a inspección de orificios corporais, para persoas sospeitosas de, por exemplo, non pagar un ticket de aparcamento ou por montar nunha bicicleta co timbre en malas condicións.

Tamén conta o autor o caso da atoada elección presidencial de 1876, cunha noite electoral disputada polo voto de Florida. O resultado decidiuse en negociacións secretas coas grandes empresas e levou ao propio presidente Hayes a queixarse de que “o goberno do pobo, polo pobo e para o pobo pasara a ser o goberno das corporacións, polas corporacións e para as corporacións”. Outro tanto lle ocorreu a Gore con Bush na mesma Florida no ano 2000. Xa o avisara Jefferson en 1816: “Espero que antes que medre esmaguemos a esta aristocracia das empresas e o capital que se atreve a desafiar pola forza ao noso governo e as leis do noso país”. A Dictadura dos Mercados vén de lonxe, só que as corporacións empresariais chegaron a estar prohibidas e a actuación dos lobbies era considerada corrupción polo T.S. americano, mentres que hoxe, aquí e alá, os partidos gobernantes son o avatar desas corporacións.

Como o conseguiron? Neste artigo ímonos centrar nun feixe de informacións que explican en parte o éxito e o poder dos Mercados, e que teñen que ver coas novas tecnoloxías. Hainas anecdóticas, que fan do libro unha lectura amena, como o caso dos gandeiros suízos que conectan os xenitais das súas vacas a internet por medio dun dispositivo que monitoriza os estróxenos e envía un SMS cando unha vaca está lista para concebir. Imos coas outras, as menos anecdóticas.

Na actualidade a maior parte do negociado en Bolsa compóñeno os derivados, vendidos a alta velocidade e a alta frecuencia: o 60% de todos os intercambios bursatis cópano estes productos especulativos. As mercadorías reais, o froito da economía productiva, non acada nin o 1%. Esta caste de valores derivados, posibeis grazas á forza combinada de múltiples supercomputadoras, dan conta de fluxos de capital anuais que, nos E.U.A., equivalen a 23 veces o P.I.B: un casino de 350 billóns de dólares.

"Moitas das transaccións seguen precisando dunha asinatura para validárense, un comprador e un vendedor que a avalen. Iso é incompatíbel co ritmo da informática financeira e a solución é contratar a multitude de traballadores subempregados para falsificar asinaturas a ritmo de cen por minuto".

De que velocidade falamos? Hai tres anos o valor da Bolsa de Nova York caeu 1000 puntos e rebotounos case integramente en apenas quince minutos sen razón aparente, no que se coñeceu como o Flash Crash. Algúns valores afundiran o 90%. Foron necesarios meses de investigación para determinar que a sacudida fora causada pola interacción complexa entre algoritmos automáticos de grande número de supercomputadoras empregadas polos axentes de Bolsa, interacción que creara o que se denominou como “cámara de eco algorítmico” Que vos parece? Poesía pura, nonsí?

En 2010 Joseph Stiglitz propuxo que as ordes de compra e venda de todos os mercados bursatis debesen permanecer abertas durante un segundo. Os grandes investidores reaccionaron con terror: un segundo!! Un segundo é nos Mercados un precipicio de maiores dimensións que o Canón do Colorado. A proposta foi considerada un escándalo e por suposto non saiu adiante.

Al Gore conta como un amigo investidor lle propuxo anos atrás participar na construcción dunha liña de fibra óptica entre a Bolsa de Chicago e a de Wall Street, máis de 1.300 kilómetros de cable que suporían un gasto considerábel pero permitirían acurtar os envíos de información en tres milésimas de segundo. O negocio era simplemente espectacular. Hoxe hai liñas aínda máis avanzadas.

Entre as historias curiosas hai unha que fala de cómo os ordenadores realizan as operacións a tal velocidade que dan paso a problemas cos que ninguén contaba. Moitas das transaccións seguen precisando dunha asinatura para validárense, un comprador e un vendedor que a avalen. Iso é incompatíbel co ritmo da informática financeira e a solución é contratar a multitude de traballadores subempregados para falsificar asinaturas a ritmo de cen por minuto. Man de obra semiescravizada para certificar os negocios de billóns ao día. Se non mo contara un vicepresidente americano diría que ten toda a pinta dunha lenda urbana, coma a das tapas dos bolígrafos BIC.

Neste contexto, que como adoita facer a realidade supera o surrealismo, encaixa que os perseguidos sexan Bradley Manning, Anonymous, Hervé Falciani, Wikileaks ou Edward Snowden. Eles son os que atentan contra a seguridade e as liberdades, os cualificados como piratas ou ciberterroristas. Lóxico.

Comentarios